Biempica

Hai uns días asistimos ó desfile dirixido de deputados populares votando en fila india e con sorriso compraciente a prol da reforma sobre o aborto. Unha posta en escena das que protagonizan a miúdo os políticos como parte da súa estratexia. Que se traduce no pensamento único que impón a disciplina de partido e antepón os intereses dun grupo sobre os dos cidadáns. A ver quen dubida que haxa opinións encontradas entre os nosos representantes e máis nun tema tan polémico e que atinxe ó máis íntimo e persoal. Por iso o xesto da concelleira do PP María Biempica levantando a man en contra da Lei Gallardón ten aínda máis valor. Porque proba que aínda quedan persoas coherentes, que cren na liberdade e a exercen alí onde ten máis sentido facelo, defendendo os piares que, se supón, sosteñen a democracia. Homes e mulleres valentes que fan valer a súa palabra máis alá dunhas siglas. Di Jacobo Moreira que a concelleira «no se enteró». Pero penso que o que non se entera e el e cantos que como el confunden a política cunha maquinaria encaixada para acadar o poder. El e cantos como el que cren que as mulleres non poden decidir por si mesmas. Nin se entera quen quere ver neste xesto un erro ou un desafío. A man de Biempica é unha voz que se alza en liberdade, unha aposta pola integridade, que hoxe nos fai moita falta. Pese a quen lle pese.

Comentarios