''Brasil é a Galicia do futuro''

Anda padecendo Carlos Núñez (Vigo, 1971) o que son as xornadas intensivas de promoción dun disco. Todo porque o martes que vén sae á venda o seu novo traballo, ‘Alborada do Brasil’, e hai que presentalo. Hoxe en Madrid, mañá en Galicia... «C’est la vie», concede en broma ao outro lado da liña telefónica.

En realidade nótaselle encantado de contar polo miúdo como foi esa aventura persoal que o levou a cruzar o océano na procura do seu bisavó desaparecido en terras brasileiras e que derivou nunha aventura profesional na que acabou involucrando a máis dun cento de amigos, entre outros, Carlinhos Brown e The Chieftiens. «E ti onde estás?», interésase. «No Diario de Pontevedra». «Ah, en Pontevedra. Muito bem. Pois heiche contar unha cousa curiosísima que descubrín no Brasil: resulta que unha das músicas máis vendidas do país, o forró, é clavadiña ás pasacorredoiras que atopou Casto Sampedro hai máis de cen anos en Pontevedra. Que che parece?». E como esta conta un milleiro de anécdotas máis.

De verdade pasou tres anos no Brasil facendo este disco?

Non exactamente. Foron tres anos de investigacións, de viaxes, de procura de información por Internet e establecendo contactos. A gravación do disco realizouse no último ano. Do disco e da película, porque tamén hai unha película na que seguimos traballando.

Un documental que se estreará a finais de ano, non é?

É que esta viaxe foi dende o principio algo máis que música. E non é o mesmo que eu conte aquí as cousas que sucederon que que a xente vexa a Carlinhos Brown explicando que a cultura bahiana é tamén cultura galega ou que vexa a posta de Sol en Bahía e a posta de sol nas Rías Baixas. O audiovisual que estamos a preparar será unha ferramenta fundamental de difusión deste traballo.

Sabendo como foi que se xestou este traballo, con vostede embarcado nunha investigación sobre o seu bisavó no Brasil para resolver o misterio que envolvía a súa desaparición, non tería que ter saído no canto dun disco unha novela do tipo Dan Brown?

Ben, saíu unha película. Aí está. Sabes que atopamos ao personaxe, non?

Iso lin. E que mesmo incluíu no disco unha peza súa.

Si. Non é incrible? El, que partiu de Galicia en 1904, a finais dese ano ten xa o seu primeiro éxito no Brasil, ‘Maxixe de ferro’. O maxixe podemos dicir que é o primeiro tipo de música do Brasil moderno, porque nela se misturan as melodías europeas cos ritmos africanos. Así que mira ti…

Con vostede gravando a peza cen anos despois poderíase dicir que se pecha o círculo.

A verdade é que se me poñen os pelos de punta só de pensalo. Eu dende pequeno sentín que a historia dese bisavó desaparecido no Brasil era unha historia escura, un misterio que había que aclarar. E efectivamente acabei descubrindo que o home non morrera, que iniciara alá unha segunda vida, e que como músico lle fora moi ben. Fíxate que chegou a gravar discos na mesma discográfica ca min, Columbia. Dá grima! Cen anos máis tarde chego eu alí. Todo o que rodea o disco é unha historia moi potente, moi poderosa. Eu alomenos síntoo así.

E ademais de dar co bisavó, fixo outras descubertas, como que a gaita galega foi o primeiro instrumento europeo que escoitaron os indíxenas!

Exactamente. Na súa primeira carta, o Rei de Portugal describe un encontro na praia de Porto Seguro no que para comunicarse cos indíxenas sacan un gaiteiro que levaban no barco. O tipo empezou a tocar e os outros a bailar. A partir de aí hai unha chea de escritos nos que se corrobora que os indíxenas adoraban a gaita. De feito sabemos por outras cartas que se empregou na evanxelización. Incluso temos noticias de gaiteiros negros de hai 300 anos, que seica tocaban moi ben. Toda esa música da Gallaecia antigua levada polos portugueses do Norte foise mesturando cos ritmos africanos, coa picardía indíxena, e todo acabou facendo da súa cultura algo tan xugoso e interesante.

Comentarios