Brinde polo novo ano

O Goberno galego afirma que para 2013 aumentará nun 38% os orzamentos adicados á Renda de Integración Social. Unha axuda necesaria para un momento de crise aguda e aumento dramático da pobreza. Hai só uns días coñeciamos unha recente enquisa elaborada polo INE que mostra esta situación de empobrecemento do noso país con datos.

A enquisa das persoas sen fogar de 2012 fotografa unha dura realidade que podemos ver acotío nas rúas. En Galiza existen 133 persoas sen fogar por cada cen mil habitantes, mentres a media estatal é de 71. Esta tremenda situación débese fundamentalmente á perda do emprego e á posterior perda da vivenda. Neste contexto de empobrecemento xeneralizado da sociedade o aumento da Risga é necesario e aínda moi escaso para facer fronte ás necesidades sociais do vindeiro ano. Mais este aumento é a constatación dun fracaso.

Do fracaso das políticas de austeridade. Das políticas que salvan con cartos públicos os bancos e deixan a xente sen traballo tirada na rúa. Sen esperanza. Afirman os gobernos galego e estatal que 2013 será un mal ano. Curiosa afirmación cando eles que poden non toman medidas para mudar esta situación. Cando se permite que suba o recibo da luz sen control, cando se cobra por empregar ambulancias ou consumir fármacos imprescindibles. Semella que comezamos un novo ano con poucas cousas que celebrar. Mais unha é fundamental: ter a forza colectiva para buscar un modelo diferente de economía e vida. Por isto último brindo con vós, lectores e lectoras de LV. De Luns a Venres.

Comentarios