Bueu gozará este luns do primeiro día do seu Festival de Curtas máis internacional

As proxeccións terán lugar ata o venres, en dobre sesión ás 20.00 e ás 22.00 horas, con entrada de balde. Coa proxección dos filmes galegos pretenden que algún director poida estar alí para presentar o seu traballo

A vila de Bueu estrea este luns oitava edición do seu Festival Internacional de Curtas e unha das máis interesantes. Un total de 2.087 traballos procedentes de 107 países, participaron na preselección deste festival, que agora exporá no Centro Social do Mar os 28 máis interesantes en cinco xornadas, precedidos dunha obra de factura galega.

As proxeccións terán lugar desde o luns e ata o venres, en dobre sesión ás 20.00 e ás 22.00 horas, con entrada de balde e coa proxección dos filmes galegos preténdese que algún director poida estar en Bueu para presentar o seu traballo. O sábado ás 21 horas celebrarase a entrega de premios e, ao remate, a festa de clausura na tapería Rosalinda. Con anterioridade, ás 18.00 horas haberá un encontro con directores galegos e internacionais no pub Aturuxo, promovido pola asociación de realizadores Crea, que será aberto ao público. Ademais de referente no mundo das curtas (con especial interese, nesta ocasión, entre os creadores estadounidenses e alemáns), Bueu pretende ser unha vila unida en torno á cultura. O programa contou así co apoio dos comerciantes locais, que este ano decidiron engalanar temáticamente os seus escaparates baixo o lema Bueu ten un comercio de película. No mesmo sentido, a concellería de Cultura programou actos paralelos ao FIC Bueu, como o relatorio celebrado onte no Centro Social do Mar, no que Salvador Castro disertou sobre as relacións entre cinema e literatura.

Comentarios