A burocracia sindical

A explicación de por que, malia a situación laboral desastrosa que viven millóns de persoas no Estado español pola crise e polos reaxustes neoliberais, non se producen manifestacións, protestas e folgas ao mesmo nivel das que hai noutros estados europeos é doada de imaxinar, se pensamos en a quen máis lles correspondería o labor de impulsalas e organizalas. Os sindicatos serían na teoría as organizacións, que creadas polos mesmos traballadores, terían que loitar por unhas mellores condicións de vida e laborais para a masa de asalariados. Esa é a función principal que cumprían desde cando xurdiron coa revolución industrial. E por medio da presión exercida durante décadas de  mobilizacións e negociacións se chegaron a alcanzar avances substanciais no traballo e un estado de benestar aceptábel, sobre todo nos países máis desenvolvidos da Europa occidental.

Os sindicatos, sendo de clase e conscientes da alienación existente, terían que evitar por todos os medios legais a degradación da situación laboral, económica e social do proletariado, que o leva hoxe ao desemprego, á precarización e a unha perda dramática do anterior nivel de vida. Nunca estivo máis xustificada e foi máis necesaria a súa intenvención que nesta época de crise xeralizada, na que de xeito principal á clase traballora e á clase media se lles está facendo pagar a desfeita causada polas entidades financeiras. Porén, ante circunstancias tan graves como as actuais, aínda que con anos de parálise e de renuncias continuas, resulta patética a actitude dos dous grandes sindicatos estatais e dos seus secretarios xerais, negociando á baixa en prexuízo de traballadores, funcionarios, desempregados, mozos e pensionistas. Máis rechamante é que un Estado cunha das peores situacións laborais e económicas e cuns dos reaxustes máis duros do continente sexa aquel que conta coas rúas máis silenciosas e no que se asinan os acordos máis gravosos para colectivos xa  desfavorecidos de seu.

Os sindicatos estatais, xunto coa chamada socialdemocracia e a persuasión  mediática masiva, son no presente os principais alicerces nos que se sustenta o sistema económico-político. Sen o seu labor de control, canalización e redución do descontento non se podería manter esta aceptación resignada das cousas. Coido que o señor Juan Rusell, presidente da CEOE e membro da exclusiva sociedade neoliberal Mont Pelerin, e tamén Emilio Botín, estarán encantados con este tipo de sindicatos. Elevando as subvencións estatais e empresariais para actividades, as burocracias sindicais aumentarían tamén o seu grao de satisfacción e eficacia. Por iso, non é críbel a crítica aceda da prensa ultra polo gasto en liberados sindicais, cando serían máis oneroso para o sistema axustes por mor da crise en sentido oposto ao que se fai.
   
Unha aristocracia obreira e unha capa de operarios aburguesados, aos que xa temía Lenin na súa época, parasita nos aparatos de sindicatos, convertidos en gremios empresariais. Son oportunistas sen límite de tempo de liberación que queren conservar os seus privilexios a toda costa. Progres como Cándido Méndez, que leva trinta anos liberado, ou como Toxo, que gañou 114.000 euros en 2001. Só as bases participando e esixindo democracia interna plena e rotatividade poden evitar os males que orixina unha burocracia sindical. Manuel Miragaia Doldán

Comentarios