Caaveiro nas fragas

No 1997 foi declarado Parque Natural o territorio das Fragas do Eume, correspondente aos concellos de Pontedeume, Cabanas, A Capela, Monfero e As Pontes. Alí, nese bravo e agreste val por onde discorren, desde o límite coa provincia de Lugo até o mar as augas do río Eume, existe un interesante ecosistema de bosque atlántico, de elevada biodiversidade, formado por carballos, castiñeiros, chopos, amieiros, acivros, salgueiros, bidueiros e maceiras bravas. Vese aínda unha presenza excesiva do eucalipto, logo das sucesivas repoboacións que houbo, que se tería que ir pouco a pouco eliminando e substituíndo por árbores autóctonas de ribeira.

Curiosos tamén son os distintos tipos de felgos, algúns pertencentes a especies moi antigas, que fan das Fragas do Eume un espazo natural singular. Tamén convén citar a fauna, composta por aves, algúns mamíferos, anfibios, invertebrados e peixes, como a troita e o reo que poboan o río. Unha aula da natureza axuda ao visitante a coñecer e a interpretar mellor as características deste espazo natural único.

Na historia da Galiza camiñouse moito, mais por necesidade, para ir a unha feira, a un enterro ou a unha festa. Hoxe os galegos e galegas cando realizamos grandes camiñatas é só polo disfrute de percorrermos fermosos roteiros e sentirmos o contacto gozoso coa natureza. Paga a pena nunha tarde de verán de experimentar a sensación pracenteira de camiñar atravesando as Fragas do Eume pola estrada que segue paralela ao río, e logo subir até chegar ao mosteiro de San Xoán de Caaveiro, ensumido nos propios pensamentos e no sons que a natureza nos depara.
   
Numerosas persoas, aproveitando o bo tempo do estío, fan este roteiro polas Fragas, mais sen chegaren ao espectacular e fermoso Caaveiro. Un servizo de autobuses gratuíto no interior das Fragas contribúe a facilitar o seu coñecemento. A proximidade da beiramar e das cidades de Ferrol e da Coruña facilitan a visita de turistas e habitantes das urbes. A vixiancia e o control ao acceso de automóbiles cesa ás oito da tarde, permitindo logo todo tipo de desmáns e ameazas contra o Parque.

Queda por ver no futuro o efecto que pode provocar na cualidade das augas do río Eume e na súa contorna o chamado Lago das Pontes, feito co enchedura da antiga, enorme e profunda mina de lignito. Como alguén se afogue nel, para recuperar o seu cadáver, terán que facer uso dun batiscafo. Sonche as consecuencias de permitir ás grandes empresas extraer cuantiosos beneficios da explotación da natureza sen repararen os danos causados.

E xa no último tramo, no alto dunha aba do val do Eume, érguese o vello cenobio de Caaveiro, de estilo romántico e barroco. A espesura das árbores case non o deixan ver. Cómpre subir a el e vivir a paz e a maxia do lugar. Este mosteiro primeiro estivo nas mans dos freires benedictinos e logo pasou á orde dos agostiños. Seica era un dos lugares preferidos por San Rosendo para meditar. Sobresae a súa igrexa románica, coa súa ábsida construída sobre unha base cúbida para salvar os desniveis do terreo. A Deputación provincial nos últimos anos fixo un grande traballo de restauración deste recóndido mosteiro galego, faltando agora unha imprescindíbel musealización que a complete.

Comentarios