Cabazas que non entran nun sobre

Jesús e Lola miden co metro de man a mellor cabaza da colleita deste ano, que non poderán enviar ao País Vasco por ser demasiado grande. alba sotelo
photo_camera Jesús e Lola miden co metro de man a mellor cabaza da colleita deste ano, que non poderán enviar ao País Vasco por ser demasiado grande. alba sotelo

COTOBADE. Estamos en Cotobade, nun recóndito lugar chamado O Salgueiro, ao que se chega pola estreita estrada que sae da praza de Rebordelo. Imos ver a Jesús Rey e á súa dona, Lola, que viven preto dunha carballeira e teñen acreditada experiencia na cría hortícola de diferentes prantas, e, en especial, de calacús e cabazas. Para eles «calacú es lo que se les echa a los cerdos y calabaza o que sirve para cocinar y comer nosotros».

E con esta distinción, e máis de 80 anos cada un sobre o lombo, van cultivando, ano a ano, as súas famosas prantas. Este 2013, a Jesús a colleita vaille deixar un sabor agridoce: por un lado, bateu todos os seus récords de dimensión cunha cabaza de máis dun metro; por outro, salvo a honra de facerlle a foto de rigor e medila co metro, non a vai poder compartir coas fillas, que moran no País Vasco. «Me da mucha pena porque es tan grande que ya se ha abierto por un lado, y no voy a poder mandársela a mis hijas para que se la coman, como tenía pensado», confesa.

Este octoxenario que leva uns 17 anos vivindo en Salgueiro, conta que todos os anos dubida se seguirá cultivando, porque a forza cada vez é menos, pero afirma que as cabazas serán o último que deixe «porque, además, son muy buenas y tienen muchas propiedades, incluso para controlar la diabetes y a nosotros nos encantan». Tamén ás súas fillas, que de seguro botan de menos o envío polo Samaín que parece unha tradición familiar. «Este año han medido más de un metro y, la verdad, aunque en los calacús es normal, en este tipo de calabaza alargada, es una medida excepcional. Nosotros nunca habíamos tenido unas así», sentencia, mentras pensa como fará para dar conta no prato de semellante colleita.

Comentarios