Cambados, epicentro do enoturismo europeo

Co nomeamento da vila como 'Cidade Europea do Viño 2017', Cambados acollerá máis de 80 actividades vinculadas ao viño
Vendimia nunha adega de Cambados
photo_camera Vendimia nunha adega de Cambados

Coñecida como a 'capital do albariño das Rías Baixas' e de toda Galicia, Cambados xa ten una nova 'denominación' que engadir aos seus alcumes: 'Cidade Europea do Viño 2017'. O pasado 4 de novembro foi elixida pola Rede Europea de Cidades do Viño (Recevin) tras competir con outras vilas españolas de renome e con gran importancia no sector vitivinícola, como Ribera del Duero, Aranda de Duero, Villafranca del Penedés ou La Palma del Condado.

Cambados continúa así o legado da cidade italiana de Conegliano-Valdobbiadene, que obtivo a mención para o 2016 grazas a este concurso de carácter rotatorio entre os países que constitúen a rede.

E é que a vila cambadesa goza dunha gran tradición na elaboración do que Cunqueiro xa denominaba como 'o príncipe dourado', o viño albariño, popular ao redor do mundo, e mesmo que conta coa súa propia festa na cidade, declarada de Interese Turístico Nacional e Internacional.


Carmela Silva: "A presidenta da Deputación destacou os numerosos atractivos turísticos das Rías Baixas"

Fátima Abal: "A alcaldesa de Cambados valora o nomeamento como Cidade Europea do Viño como a oportunidade para dar a coñecer a vila internacionalmente"


Este recoñecemento converterá a Cambados en foco de case un centenar de actividades arredor do enoturismo no vindeiro ano, ademáis dunha oportunidade de promover non só a bebida espirituosa da terra de Cabanillas ou Valle Inclán, senón tamén de impulsar o seu turismo, cultura e gastronomía.

A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, destacou os principais atractivos do seu concello, remarcando a tradición vitivinícola que se soubo converter "nun reclamo turístico moi propio da vila". De feito, Abal mencionou á Festa do Viño Albariño, "que este ano celebrará o seu 65 aniversario", e as máis de cen actividades que se están a organizar en Cambados con motivo do nomeamento da vila como Cidade Europea do Viño.

Abal sinalou que "este nomeamento é unha oportunidade única para dar a coñecer internacionalmente a Cambados, ao Salnés e á provincia". Durante este 2017 "desenvolveremos máis de 80 actividades vinculadas ao viño e ao enoturismo", moitas delas ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Deputación de Pontevedra.

ATRACTIVO. A presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, comentou que "cambiamos a forma de entender a promoción turística coa elección de campañas diferentes do que se fixo ata entón, rachando co binomio de praia e gastronomía, promocionando outras potencialidades do territorio ou achegándonos aos e ás visitantes a través de canles máis modernas e de vangarda".

O enoturismo é un dos eixos nos que descansará a nova campaña de promoción de Destino Rías Baixas. "29 municipios teñen cultivos e actividade vitivinícola baixo a denominación de orixe Rías Baixas e a nosa cultura do viño soubo manter a tradición á vez que innovar en novas liñas de negocio", sinalou Carmela Silva.

A presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que "temos un enorme potencial que nos sitúa e que nos consolida: dous albariños Rías Baixas clasificados entre os mellores do mundo nos premios Bacchus 2017 (Mar de Frades e A Troita), seis Estrelas Michelín ou tres dos principais iconos fotográficos de Galicia (Rapa das Bestas, Santa Trega e as Illas Cíes)".

A promoción da provincia de Pontevedra durante este ano 2017 estará encadrada baixo o lema 'Rías Baixas, moito por descubrir. Por moitas razóns'. A campaña inclúe actividades coma os Festivais Rías Baixas, unha referencia cultural e musical xa consolidada e cunha grande proxección nacional e internacional; os seis camiños que discorren pola provincia de Pontevedra cara Compostela, e o enoturismo, da man de Cambados. A presidenta da Deputación recalcou que "sería preciso unha rolda de prensa diaria para dar a coñecer todos os atractivos turísticos desta terra tocada polos deuses".

Comentarios