Campaña ben curiosa

Mañá ai votacións para elixir aos nosos representantes no Parlamento europeo e teño que recoñecer que esta campaña foi un tanto curiosa. Houbo tres cousas que marcaron o perfil destes quince días e teño que recoñecer que foron bastante atípicas. A primeira delas foron as intervencións dos candidatos. Creo, en liñas xerais, que as mensaxes foron de perfil baixo, centrándose en temas que nunca se tratarán no Parlamento Europeo, como por exemplo a etapa do goberno anterior en España. Toda ía máis ou menos coma sempre ata que un dos candidatos, o do Partido Popular, fixo unhas declaracións que estou seguro fixeron tremer aos responsables da campaña de Arias Cañete. As declaracións insinuando a súa superioridade intelectual fronte á candidata do PSOE apelando ao seu xénero feminino foron claramente erróneas o que provocaron que durante uns días só se falase do “machismo de Cañete”. Curiosamente, o PSOE non variou as súas mensaxes para atacar ata a extenuación ao candidato popular, senón que simplemente deixou que a cidadanía opinase. Creo que foi unha boa decisión que Elena Valenciano aceptase as desculpas e non volver insistir no tema para que tanto os medios de comunicación coma os “opinadores” de referencia se encargasen de botarlle leña ao lume. A segunda das circunstancias curiosas radicou no escenario, marcado por unha chea de grupos pequenos que acadaron un protagonismo inusitado nunha campaña electoral a nivel nacional. Partidos como “Ciudadanos” logrou abrise un oco máis ou menos importante nos medios de comunicación e outros ficharon a persoeiros curiosos coma o xuíz Elpido Silva, protagonista nos medios de comunicación nos últimos meses polo xuízo aberto contra el acusado de prevaricación ao meter no cárcere a Miguel Blesa, responsable de CajaMadrid. Esta situación provocou un debate curioso sobre a eficacia do voto a partidos pequenos, o bipartidismo, as poucas diferenzas no programa entre o PSOE e o PP.... Temas que normalmente non son recorrentes en campaña pero que desta vez si o foron. A terceira ten que ver coa relación entre os medios de comunicación e os políticos. Houbo varios acontecementos non habituais. Por exemplo, moitos dos actos dos políticos estaban máis marcados polo morbo que pola información o que provocou que actos moi menores, coma o reparto de folletos nun mercadillo por parte de dúas deputadas nacionais do PP, se convertese en todo un acontecemento ao anunciarse a presenza de Paula Prado, responsable de campaña do mesmo partido que está sendo investigada dentro de varias das opcións xudiciais abertas contra a corrupción. Isto pasou en Compostela o xoves e resolveuse dando plantón aos xornalistas. Tamén resultou curioso que un dos grandes partidos en Galicia, como é o BNG tivese que pelexarse, para final perder, ante a Xunta electoral para poder gozar do tempo obrigado que teñen que dar os medios de comunicación públicos. En definitiva, estas son unhas eleccións atípicas e espero que isto non sexa unha premonición do que pasará mañá, onde a abstención parece que vai ser a gran triunfadora. Sería unha mala noticia para os tempos que nos van tocar vivir.

Comentarios