A campaña 'Oportunidades Galicia' visita os areais galegos

Os areais galegos, dada a gran afluencia de usuarios durante o mes de agosto, constitúen un dos principais focos de atención para a campaña ‘Oportunidades Galicia’, que dirixe a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e na que colaboran Ecoembes e Sogama.

Educadores medio ambientais, co seu centro operativo nun aula móbil, moveranse en próximas datas por diversas praias da provincia de Pontevedra intentando captar a atención dos bañistas para recordarlles que a xestión sostible dos residuos urbanos tamén debe estar presente en vacacións e durante o tempo de lecer.
As explicacións sobre a necesidade de aplicar cada día a estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) sucederanse de forma permanente. Producir menos residuos, consumir de forma responsable, evitar o desperdicio alimentario, reutilizar os produtos o maior número de veces posible e separalos por tipoloxías para que poidan ser reciclados, constitúen algunhas das cuestións que conformarán o manual de instrucións dunha iniciativa itinerante que naceu e evolucionou cun único obxectivo: incrementar as taxas de reciclado e lograr que a poboación se beneficie das súas vantaxes.
A campaña tamén estará presente noutros concellos cunha carpa informativa. Nas praias comezará este sábado cunha visita ao areal da Lanzada e continuará o martes na de Portocelo, na de Deilán (Vilaboa) o día 12, na praia de Arcade o 18, na buenense de Portomaior o 22, e na da Xunqueira (Moaña) ao día seguinte. En todas elas o aula móbil estará instalada dende as 15.00 ata as 19.00 horas.

Comentarios