A canción francesa viñeta a viñeta

Durante un ano estiveron traballando os alumnos de Bacharelato Artístico do IES A Xunqueira I nas ilustracións que agora mesmo están colgadas nas paredes da Escola de Idiomas de Pontevedra.

«Son máis de 40 ilustracións tipo cómic que se poden observar en todas as paredes da Escola, 12 delas penduradas en formato xigante (3 metros por 1.40) dende o primeiro andar ata a planta baixa. Complétase con algúns retratos secundarios nas escaleiras», explica Santiago Lopo, un dos responsables desta mostra sobre a canción francesa, que se pode visitar ata o 9 de maio e que está organizada en colaboración co departamento de Francés da Escola de Idiomas.

«Durante un ano, os rapaces da Xunqueira I estiveron traballando nas aulas de debuxo para completar este proxecto», segue a contar Lopo, que aclara que os debuxos cos que se complementa a mostra, uns retratos de cantautores franceses en folios, foron realizados polos alumnos da Escola de Idiomas, que se sumaron desta maneira á iniciativa.

‘Chanson française’

‘Chanson française’, que é o título da mostra, xurdiu da colaboración entre o IES A Xunqueira I e a Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra. Ten como coordinadores a Fernando Carballa (profesor de debuxo no IES) e a Santiago Lopo (profesor de francés na Escola de Idiomas).

En total son 22 as historias trasladadas á banda deseñada dende outras tantas cancións representativas da música francófona, dende os anos 50 ata os nosos días. Segundo explican dende a Escola de Idiomas, en determinados puntos da exposición sitúanse uns cadernos coas letras (orixinais e traducidas) das cancións.

Así mesmo, na conserxería do centro, e previa entrega dun documento de identidade, pódese obter un reprodutor mp4 con auriculares para escoitar os temas que protagonizan esta actividade.

Comentarios