martes. 25.01.2022 |
El tiempo
martes. 25.01.2022
El tiempo

O pincel vólvese pluma

Este libro rescata do naufraxio da memoria unha escolma de textos publicados en diferentes revistas e xornais nos que Urbano Lugrís amosa as súas virtudes literarias así como o seu interese polas narracións mariñas

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

ASOMARSE AOS cadros do Urbano Lugrís supón adentrarse nun conxunto de historias visuais ou fragmentos dunhas narracións que xorden das máis ancestrais tradicións, tomadas de diferentes sistemas culturais arredor de todo o que pode acontecer no universo marino. Cada unha desas obras deixa suspendidas no aire unha chea de inspiracións para o espectador que deseguida se pon a fabular sobre eses mares, arredor desas especies animais, ou a partir de todos eses obxectos. Agora, da man da Editorial Alvarellos, temos tamén moitas desas narracións, que foron maxín para o pintor, nun salientábel volumen de relatos baixo o título de El tesoro de Punta Herminia y otros textos sumergidos.

Na introdución ao libro, da man de Olivia Rodríguez González, dise, de xeito atinado, que Urbano Lugrís escribía os seus cuadros, algo que Manuel Rivas tamén alenta ao dicir do pintor que era "o único pintor capaz de escribir baixo a auga". Non hai máis que achegarse aos seus cadros para comprobar esa escritura acuática, ese xeito de facer do pincel unha pluma precisa coa que esculcar todo o que unha increíbel imaxinación, alicerzada nunha colleita de narracións redefínese no eido da plástica. Poemas e relatos breves cos que Urbano Lugrís deu saída as súas arelas de escritor a través dunha serie de publicacións en diferentes medios que, como botellas guindadas ao océano, fóronse dispersando e tamén esquecendo. Esta edición vén completar con novos textos en galego e castelán, algúns deles inéditos, unha publicación anterior que esta mesma editorial tirou do prelo en 2008 baixo o título de Balada de los mares del norte. Así atopámonos con historias de tesouros, de naufraxios, de criaturas incríbeis, de paisaxes abraiantes que amosan, por unha banda o interese e coñecemento por estas lendas como sustrato para a súa pintura e por outra a súa capacidade literaria, nada despreciábel unha vez que coñecemos estes escritos datados nos anos corenta e cincuenta e que nos achegan historias descoñecidas para nós hoxe como a da cama feita coas madeiras rescatadas dos galeóns afundidos de Rande e que se atopaba no Pazo de Montero Ríos en Lourizán e que o autor solicita se recupere de onde se atopa para incorporalo ao patrimonio vigués. Noutros relatos destaca a súa capacidade descriptiva, a minuciosidade das paisaxes, o engaiolamento pola natureza que o pintor é quen de transmitir ao lector, dun xeito similar a como acontece nas súas pinturas. As ruínas que evocan os tempos pasados, a beleza como refuxio atemporal no que acubillarse e unha musicalidade que trascende das súas palabras, como tamén acontece coas súas pinceladas, completan un escenario cheo de posibilidades co que explicar moito do que foi ese singular personaxe da nosa cultura.

Poucos nomes tan senlleiros como o deste home cuxa vida e obra son un foco de interese permanente e que faleceu en 1973 sen poder ver recollidos nunha publicación, como era o seu desexo, todos estes relatos espallados en diferentes cabeceiras como Céltiga, El Pueblo Gallego, La Noche, La Coruña e La Voz de Galicia. O que non foi o é agora e todos estes textos acadan un sentido case terapéutico, de recuperación dun pasado no que estas historias formaban parte dunha sociedade que precisaba delas para tentar explicarse. Co paso do tempo, e xogando a facer un diálogo entre textos e pinturas, funcionan como unha louvanza chea de lirismo, de captación dunhas compoñentes da natureza (lúas, ondas, rochas, magnolios…) que abrollan por estas páxinas como poéticas cosmolóxicas dunha realidade paralela á da vida cotiá, isto é, unha poética da inspiración na que navegaba o pintor para artellar as súas pinturas.

Complétase o volume cunha chea de ilustracións que acompañaban aos orixinais nas súas publicacións e nas que se conteñen boa parte do imaxinario lugrisiano de estrelas, barcos, gaivotas, ondas, castelos ou cruceiros que enchen a atmosfera da súa inesquecible faciana pictórica. Tamén son de valorar as letras capitulares coas que arrincan cada un destes relatos. Letras monumentais nas que nun espazo tan limitado incorpórase toda unha obra de arte que lle concede tamén aos relatos esa pátina de antigüidade que en moitos se contén para darlle un sentido secular ao que se conta, como se esas historias navegasen entre os séculos dende a historia máis antiga para chegar ata nós hoxe e seguir mantendo a nosa atención hacia uns relatos engaiolantes e que pouco a pouco foron pousándose no noso imaxinario colectivo dende a oralidade, a escrita e a pintura. Territorios polos que navegou un capitán irrepetíbel, Urbano Lugrís.

O pincel vólvese pluma
Comentarios