Cando os coreanos descubriron Poio

A editorial surcoreana SSE Project publica un álbum do pontevedrés Berto Fojo inspirado en personaxes poienses

Berto Fojo (Pontevedra, 1982) medrou en Poio. "Na zona fronteiriza da Barca, territorio satélite de Pontevedra", explica a través do correo electrónico. "O balcón da casa de meus pais daba á ponte polo que, durante anos e anos, fun coñecendo á xente só de vela pasar por alí diante". Non falaba con esas persoas. Non as coñeceu nunca persoalmente. "Non as vía facer outra cousa que non fora pasar camiñando, pero, a medida que me ía familiarizando coas súas facianas, o misterio arredor dos personaxes, das súas identidades reais, ía medrando", conta o creador. "A mistura de familiaridade e escuridade que me transmiten aínda hoxe cando me cruzo con elas é algo que me resulta tan perturbador como gracioso".

Así que cando a editorial surcoreana SSE Project se puxo en contacto con este licenciado en Belas Artes, membro do colectivo Estudio Pacheco, que ten traballado como ilustrador para El País ou Bloomberg Businessweek, para realizar un dos zines da súa colección, pensou neses poienses. "En realidade, dado que o primeiro mail que recibín da editorial coa proposta comezaba cun Dear Mr. Berto Fojo, nun principio pensei que era spam", confesa. "Uns días despois, revisando e eliminando mensaxes, volvín reparar nesta e vin que se trataba dalgo real". Pero como deu unha editorial surcoreana con Berto Fojo? "Non sei como chegaron ata min, pero posiblemente a través de Instagram. Penso que tivo que ver con que Joan Cornellà, que é unha celebridade en Asia, mercara un debuxo orixinal meu e o subira ao seu Instagram. Ese día foi unha loucura: gañei como 2.000 seguidores e recibín unha chea de mensaxes de xente, principalmente de Corea do Sur, interesándose polo meu traballo", explica. "O feito de ter publicado con anterioridade o meu libro Nados Mortos con Valley Cruise Press en Estados Unidos tamén axudou".

Cando chegou a proposta para facer algo con SSE Project, Fojo púxose a revisar os seus cadernos en busca de ideas. "Aí fun por primeira vez consciente de que neles había unha serie de personaxes recorrentes, bastante estáticos, debuxados de xeito case automático e que me transmitían a mesma sensación que os camiñantes da Ponte da Barca, así que o nome e o contido do libro viñéronme buscar". Reinterpretou aqueles personaxes dos seus cadernos, creou algúns novos e colocounos a todos sobre un rotundo fondo negro. "Como habitantes do interior da besta que son, non podían vivir noutra paisaxe que na máis claustrofóbica escuridade".

O ano pasado, a editorial SSE Project de Corea do Sur publicaba finalmente Poio. "A experiencia foi moi positiva. Quedei moi contento coa edición e co trato, escribiume xente dicindo que lle gustara, acabei deseñando un caderno para Paperpack Seoul... Mellor non puido saír, a verdade", conta o autor, que recoñece que non buscou facer caricatura. "Máis que a caricatura, para a que non teño aptitude algunha, as miñas referencias están no mundo da banda deseñada e dos debuxos animados", di. "Pero, a diferencia do que ocorre normalmente neses eidos, os meus personaxes aparecen pasivos, case inmóbiles; desnortados e contemplativos, sen unha paisaxe coa que interactuar ou respecto á cal definirse. Esta non-acción é en realidade algo moi oriental, o que, engadido a que, dentro da cultura asiática contemporánea, o deseño de personaxes é unha forma de arte en si, explicaría en parte o interese dunha editorial como SSE".

Paradoxas do mundo actual, Poio é difícil de conseguir en Poio. E en Pontevedra. SSE distribúe en Corea do Norte, Xapón, Estados Unidos e Reino Unido. "O sitio máis próximo onde se pode mercar é en Fatbottom Books en Barcelona [tamén na súa tenda online]", conta Fojo. "Pero se alguén de Pontevedra, de Poio ou dos arredores está interesado en facerse cunha copia, pode vir polo Estudio Pacheco e miramos a ver se me queda algunha".

Comentarios