Cangas traerá as máscaras de Venecia e unha aldea de galos para o Entroido 2014

José Luis Gestido. c. b.
photo_camera José Luis Gestido. c. b.

CANGAS. O concelleiro de Cultura, José Luis Gestido, celebrou unha xuntanza con representantes das asociación de comerciantes Fecimo, Zona A e Casco Vello para traballar no borrador da programación de actividades para o Entroido 2014, no cal se incluirá un Entroido veneciano e unha aldea gala.

Na reunión, os colectivos presentaron as súas propostas para a programación deste ano para complementar as actividades organizadas pola Concellería de Cultura. Por un lado, a asociación de comerciantes Zona A celebrará un entroido veneciano, mentres que a asociación de comerciantes Casco Vello recreará unha aldea gala. No encontro decidiuse tamén instalar, por segundo ano consecutivo, unha carpa nas inmediacións das Naves de Ojea.

Nesta carpa haberá un escenario e espazo para locais de hostalería, «iniciativa que acadou un notable éxito na pasada edición», segundo manifesta o Concello, co obxectivo de recuperar o Entroido de Cangas, así como dinamizar e potenciar a actividade da hostalería local durante os días de festa.

450 euros

O prazo para solicitar un dos dez postos de 4x4 metros xa está aberto. O recinto estará disposto para o público entre o 28 de febreiro e o 5 de marzo e os hosteleiros interesados en facerse cun espazo na carpa deberán entregar a correspondente solicitude antes do 20 de febreiro na Casa da Xuventude. Os solicitantes deberán achegar a seguinte documentación: a folla de inscrición debidamente cuberta e a fotocopia do documento que acredite o establecemento de hostalería.

En caso de que as solicitudes superen o número de postos, procederase a un sorteo público para adxudicalos e devolveranse as cotas dos locais non admitidos. O Concello lembra que a cota de participación fixada para cada posto na presente edición é de 450 euros, que deberá aboarse no momento de inscrición e na que se inclúe aluguer, seguridade, luz e a instalación de baños químicos.

Tráfico

Por outra banda, o edil de Cultura reuniuse tamén con representantes da Policía Local e Protección Civil, así como con voceiros dos lugares de Vilanova, Pinténs, Igrexario, Vilariño, Liméns, Nerga e Donón, participantes na ‘Festa do Entroido de Hío’, co obxectivo de perfilar os detalles do dispositivo de tráfico que se poñerá en marcha durante a celebración das múltiples actividades do Entroido.

O Concello quere estudar posibles melloras nos cambios e desvíos do tráfico de acceso á parroquia respecto á anterior edición, así como algún cambio do percorrido, concretamente no do luns, en resposta ás demandas achegadas polos veciños da zona. Os cambios faranse públicos previamente ás datas de Entroido.

Seguridade

O cruceiro de Hío, protexido

O Goberno local de Cangas sinalou que este ano vaise a ver reforzada a seguridade para que as festas de Entroido na parroquia de Hío discorran sen incidentes, con mais presenza da Policia Local e da Gardia Civil, ademais de poñer en marcha un dispositivo especial para protexer o cruceiro de Hío.

A próxima reunión, para pechar tódolos detalles desta festividade de tanta relevancia na vila canguesa, será o próximo día 26.

Comentarios