Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Canteira de cineastas no instituto de Poio

Os alumnos participantes na gravación
Os alumnos participantes na gravación
Alumnos de 4º da ESO participan no programa Cinema en curso gravando un documental sobre os oficios tradicionais da vila

A sétima arte pode chegar a ser unha gran ferramenta de aprendizaxe. Disto poden dar boa fe un grupo de 20 alumnos do instituto de Poio. Os rapaces, todos eles estudantes de 4º da ESO, levan meses traballando na posta a punto dun filme documental sobre aqueles oficios vencellados ao mar que máis tradición teñen na vila, como o de mariscadora ou o de bateeiro. Se todo vai ben, este labor verá a luz antes de que remate o curso.

Esta actividade faise realidade grazas a Cinema en curso, un programa desenvolvido pola Consellería de Educación, a través do Plan Proxecta, que xa vai pola súa décimo segunda edición. Ademais do IES de Poio, nel tamén toman parte centros educativos de Galicia, Cataluña e Madrid. Incluso tamén hai participantes doutros países, coma Chile e Arxentina. Carmen Fernández, unha das mestras do instituto poiense encargada de coordinar o traballo dos rapaces, explica que o obxectivo é "achegar aos estudantes á arte cinematográfica e aos valores que lle son inherentes".

Tomar parte neste proxecto supón moito máis ca gravar imaxes. Se ben é certo que os alumnos xa saíron a capturar tomas da contorna da Seca e a falar con mariscadoras e bateeiros, tamén deben visionar breves fragmentos de diferentes filmes que son proxectados na aula. A planificación deste traballo comezou en setembro coa procura de localizacións e a elaboración do guión. Unha vez que finalice a rodaxe, chegará o momento de realizar a montaxe final do documental, que terá uns 15 minutos de duración aproximadamente.

Os alumnos contan cun padriño de excepción á hora de dar vida ao seu proxecto, o cineasta de Marín Ángel Santos Touza, director de filmes como Las Altas Presiones. A súa participación axuda a que os estudantes se familiaricen cos conceptos técnicos da gravación. Términos como travelling ou plano xa non son descoñecidos para estes pequenos cineastas.

Este é un proxecto de carácter interdisciplinar, xa que no mesmo colaboran o Equipo de Normalización Lingüística do instituto e os responsables da biblioteca. Esta colaboración provoca que os participantes melloren en competencias como a comunicación lingüística e no uso de expresións culturais.

Quizais, dentro duns anos, se confirme que, efectivamente, o centro educativo de Poio é unha canteira de grandes valores cinematográficos.

Canteira de cineastas no instituto de Poio
Comentarios