Cariño. Interacción e proposta

Antes de presentarlles a Manuela, quérolles dicir que no meu torpe descurrir polas estanterías da vida, coñecín poucas cousas tan enchedoras e creadoras coma o cariño, sinceiramente.

En ocasións se di, referíndose ás parellas de namorados, que o amor dura unha cantidade determinada, ou incluso predeterminada, de tempo, díse que uns tres anos dura o que é o enamoramento, e que logo o que queda, parece ser que é… o cariño. Dise como se este último tivese menos valor cualitativo que o primeiro, é curioso.

Cariño é tocar o brazo do compañeiro, cariño é mirar aos ollos con vergoña, cariño é escoitar unha canción e deixarse levar, cariño é sorrir cando te saúdan pola rúa, cariño é preguntar como estás, cariño é respostar como estás, cariño e tirar para arriba dos outros humanos, cariño é dicir papá quérote, cariño é dicir mamá quérote, cariño é dicir, non deixar de dicir, iso é cariño.

Un dos males máis grandes do noso ‘entertaiment’ chamado mundo é a cantidade de xente que vive sen cariño, que sobrevive sen un sorriso de volta, nin de ida, que non ten uns ollos amables e cómplices que a miren. Esa é a gran batalla que estamos perdendo os humaniños. Por iso cando alguén lles saúde pola rúa, sorrían, aínda que sexa con vergoña, pero sorrían, aínda que o día sexa gris, que o será, sorrían.

No edificio onde vivía antes, tiña unha veciña duns marabillosos 76 anos. Cada vez que coincidía con ela no portal estaba sorrindo. Un día pregunteille: "Señora Manuela, vostede sempre está sorrindo, ¿como fai, como consegue sempre estar feliz?". Ela mirou para min, sorriu, e díxome: "Porque para ser feliz, compañeiro, non chega con querer selo, hai que entrenar".

Entrenen vostedes todolos días, e recorden que para recibir cariño so é precisa unha cousa, unha única cousa, dar cariño… así de sinxelo. Gracias Manuela.

Comentarios