Carlos Aymerich explica hoxe no xornal 'LV' as razóns polas que non deixou o BNG

Este é o artigo publicado hoxe no gratuíto galego por Carlos Aymerich, ex líder de Máis Galiza e ex voceiro parlamentario do BNG, formación da que segue a ser deputado e membro da executiva.

Razóns do BNG

O compromiso político é, por definición, un compromiso colectivo. Un esforzo permanente para procurar puntos de encontro e unha actitude, constante, de  colocar os intereses comúns por riba das expectativas individuais por lexítimas que estas poidan ser. Só deste xeito se poden conformar organizacións. E só a través de organizacións pode un proxecto político, o nacionalismo de esquerda no caso que nos ocupa, avanzar e levar o seu programa á práctica.

As organizacións, ben o sabemos, non son fins en si mesmos. Son ferramentas para a transformación, en positivo, da sociedade e do país. Mais non por iso resultan ser menos valiosas, sobre todo cando, como é o caso do BNG, son o produto de décadas de esforzo de moitos homes e de moitas mulleres que entenderon que este era o mellor xeito de traballar por Galiza. E unha ferramenta como esta, con todos os seus defeitos e carencias, non se pode desbotar alegremente. Custou trinta anos chegar até aquí e non será cousa de deitar todo abaixo nun momento. E menos aínda facelo no medio dos aplausos do PP. Aínda que só sexa por instinto, convén facer o contrario do que os nosos adversarios nos aconsellan.

Non cuestiono a lexitimidade das escisións nin tampouco a boa fe de quen as promoven. Mais non nos enganemos: se algún beneficiario hai delas este é, sen dúbida, o PP. Os resultados das eleccións andaluzas e asturianas mostran que as políticas de Rajoy comezan a lle pasar factura ao PP. E na Galiza non ha ser diferente.

As enquisas colocan a Feijóo no gume da navalla, entre 37 e 38 deputados. Non dá subido de aí e aínda ten que descontar os efeitos da folga xeral de mañá, 29 de marzo, os recortes dos orzamentos que van ser presentados o día 30 e un desemprego que vai seguir a subir. Xa que logo só a división do nacionalismo pode oferecer a Feijóo a posibilidade de recuncar no Goberno galego. O que interesa non é o que poida aparecer fóra. O que urxe é destruir o que xa existe. Non sorprende, por tanto, que destacados militantes do PP estean a colaborar activamente na operación.

Somos moitos os que traballamos no BNG para converter o nacionalismo nunha alternativa maioritaria. Co ánimo de aquelar e afinar a ferramenta, a única coa que contamos, para servir o país con máis eficacia. Coa vontade de pór os problemas de Galiza por riba das leas internas do nacionalismo. E para tratar, en fin, dos problemas da xente apartando urxencias ou protagonismos persoais. O tempo dará e quitará razóns. Mais eu non colaborarei para lle dar ao PP catro anos máis.

Comentarios