martes. 02.06.2020 |
El tiempo
martes. 02.06.2020
El tiempo

Carlos García, director do Ies Luis Seoane: "Traballamos para ter unha relación aberta e continua co barrio"

Carlos García
Carlos García
O Ies Luis Seoane, no barrio de Monte Porreiro, ten como bandeira a inclusión, a interculturalidade e o respecto á diversidade. O Premio Cidade de Pontevedra 2015 impúlsao a seguir neste camiño

Os premios Cidade de Pontevedra 2015 xa teñen gañadores. O xurado que concede estes galardóns elixiu o Ies Luis Seoane de Monte Porreiro na de persoa xurídica.

Que tal recibiron a noticia? Víanse con posibilidades?


Recibímola con moitísima alegría. Eramos unha das candidaturas cun maior número de apoios, pero non só iso é importante para obter o premio. Tamén o é aquilo que se presenta como aval: o traballo. E o resto dos candidatos tiñan moitísimo polo que podían ser elixidos. Para nós é un premio moi importante e énchenos de ledicia.

E qué supón para o Ies contar con este prestixioso galardón?

É un recoñecemento a un labor que vimos facendo dende hai anos, case desde que, no 88, este centro empezou a funcionar, e que ten que ver coa relación que queremos ter co barrio, contínua e sempre aberta, non só cos alumnos, senón tamén cos seus pais, cos veciños... Temos que convivir perfectamente e así o facemos. Este traballo ten moito que ver tamén cos outros centros que forman parte de Monte Porreiro, como o Fina Casalderrey e o Marcos da Portela, e este premio vén reforzar o que os tres facemos de cara a ter esas boas relacións e que a xente daquí nos sinta como seus. Danos un pulo moi importante.

A candidatura do Ies Luis Seoane tivo moitos apoios: a A. VV., a comunidade educativa, o conselleiro de Cultura, o representante do Pobo Marroquí en Galicia...

Este centro ten moitos alumnos doutras nacionalidades (marroquís, iberoamericanos...) e estudantes de etnia xitana e a convivencia é moi boa. Ese apoio do Pobo Marroquí é importante porque demostra que tamén o estamos facendo ben con eles. Todos os apoios que recibimos son un orgullo. Para nós xa é un premio só o feito de que a asociación de veciños e a Anpa presentaran a nosa candidatura e de ter a tantos colectivos detrás. É fundamental que nos recoñezan como seus.

O xurado di que este é, por extensión, un premio a todo Monte Porreiro, ao que define como "un barrio que rompeu moldes". Por que?

"Para nós xa é un premio só o feito de que a A. VV. e a Anpa presentaran a nosa candidatura e de ter o apoio de tantos colectivos"

Porque, dende o principio, pola súa configuración inicial, parecía que se quería meter aí un gueto e, día a día, foise loitando con iso. Non hai moitos anos que Monte Porreiro se relacionaba con calquera cousa, pero nunca boa. Foi unha loita continuada, non só do barrio, senón dos centros que hai nel. Os tres estamos unidos para facer campañas de captación de alumnos porque sabemos que hai pais que pensan que ter os fillos nestes colexios do barrio lles vai dificultar o aprendizaxe e que van ter problemas de convivencia, cando a realidade é todo o contrario. Os alumnos que empezan en Infantil no Fina Casalderrey non se van, porque facemos moito traballo conxunto tratando sempre de que os nenos se sintan felices nos centros. En canto a resultados académicos, en F.P. son excelentes e en Selectividade tamén, por poñer exemplos. Temos rapaces de diferentes etnias, países e relixións e a convivencia é estupenda.

Ademais da labor educativa, o premio tamén é polo labor de integración e cohesión social.

Si, e ten que ser recíproco: do Ies para o barrio e viceversa.

Hai moitos exemplos desa cooperación, como o bo funcionamento dos 'Camiños escolares'. Teñen en mente algún novo proxecto?

Moitos dos nosos proxectos saen dende o Comité Unesco, pois este centro forma parte das escolas asociadas a dita organización internacional. Todos os proxectos tratan de que os rapaces entendan o que hai no exterior e non se encerren só no de aquí, por iso están orientados a traballar en rede con alumnos de colexios dos cinco continentes. Sempre facemos proxectos que nalgún momento lles permitan aos nosos alumnos viaxar aos países dos centros cos que traballamos. Hai dous anos fixemos un, chamado ‘Camiños de ida e volta’, co que os rapaces foron a Bos Aires, con outro foron a Cuba, con outro a París... e este ano temos pensado un para visitar a sede da Onu en Nova York. Os alumnos teñen que ver que están nun mundo global e esa apertura failles entender que hai persoas que pensan diferente, falan diferente, visten diferente, teñen outra relixión... pero todo debe ser respectado. Hai outros proxectos máis próximos como o ‘Obxectivo Igualdade’, que ten que ver con cuestións de xénero. Proximamente imos presentar un vídeo feito polos propios rapaces coas súas vivencias relacionadas con ese tema. Sempre temos moitos proxectos e todos teñen que ver coa conviencia.

Van celebrar o premio dalgún xeito especial?

Aínda non o temos organizado, pero si temos pensado celebralo. Xa falei con Carlos, da asociación O Mirador, e coa presidenta da nosa Anpa, para poñernos de acordo e realizar un acto conxunto tamén cos outros centros do barrio e coa xente para, entre todos, felicitarnos con este premio que é para todos.

Carlos García, director do Ies Luis Seoane: "Traballamos para ter...
Comentarios