Carlos Negro: ''Na defensa da lingua galega hai que ter máis empatía coa sociedade e menos homilía''

As "cavilacións" do escritor Carlos Negro no artigo 'Queremos galego, mais... sabémolo vender?', publicado na revista Terra e Tempo, nacen da participación en mobilizacións como as do Día das Letras, convencido de que "o modelo reivindicativo que vencella lingua e nacionalismo presenta síntomas de esgotamento" e de que falta "eficacia publicitaria". Por iso, convida a reflexionar sobre "a necesidade de renovar as estratexias comunicativas" para a defensa do galego.

PREGUNTA: Cre que se abriu ese debate?
RESPOSTA: Espero que si. A miña idea inicial era poñerlle voz a un estado de ánimo de moita xente que está arredor da defensa da lingua, e que vén da sensación de que, por un ánimo defensivo ou polas agresións recibidas desde o poder, as actuacións son un pouco repetitivas e dirixidas á mesma parroquia, aos que xa están convencidos. Iso crea un círculo pechado no que non hai perdas pero tampouco ganancias. Coido que hai que ofrecer unha perspectiva máis aberta e integradora do que chamamos proceso de normalización.

P: Entón, non son eficaces as accións reivindicativas actuais?
R: Non o son fóra do círculo dos que xa teñen unha empatía co nacionalismo e coas esquerdas. Ben polos prexuízos, ben pola acción dos medios de comunicación, as mensaxes de defensa do idioma non chegan á sociedade. Proba diso é que non se recuperan falantes e que ás veces o único que chega é a mensaxe de imposición do galego, que é un absurdo. Hai que procurar un discurso máis plural, que non aparezan sempre os mesmos rostros e palabras, e buscar estratexias atractivas e máis enfocadas a un público non concienciado. Hai que ter máis empatía coa sociedade, para conectar coa xente, e menos homilía.

P: Di que se "rasca onde non pica". Onde e como habería que rascar?
R: Habería que diversificar a mensaxe, porque non en todos os ámbitos sociais e xeográficos hai a mesma problemática. E, sobre todo, que o discurso sexa menos ideolóxico, de cidadán a cidadán, para que se descubra que o galego é unha riqueza e útil.

P: A reflexión parte dun acto de Queremos Galego, pero hai máis colectivos.
R: O feito de que existan diversas plataformas é bo de entrada, porque é enriquecedor que haxa distintas perspectivas. Non sobra ningunha. Outra cousa é que haxa que escoitar un pouquiño máis a xente para intentar perfilar as mensaxes.

P: Recibiu moitos "paus"? Ao escribir xa cría que algún levaría.
R: En xeral, non. Felicitoume moita xente e á que non lle gustou, en xeral, mantén o respecto. É unha achega ao diálogo, non unha crítica que queira arrasar con todo o que se leva feito; ao contrario.

P: En todo caso, seguirá participando en actos de Queremos Galego...
R: O protagonismo debe ser de persoas que non teñan que ver directamente coa cultura, pero non penso deixar de acudir a actos que defendan o galego porque o inimigo é outro. Son eses sectores reaccionarios, moi ideolóxicos e poderosos que no fondo rexeitan a presenza do galego.

P: Máis aló de actos, en que vías hai que incidir para promocionar a lingua?
R: Hai que achegala ao mundo da empresa, ao deporte, ao ocio. Pero iso tamén é labor da Administración, que ten a obriga de promocionala.

P: A literatura tamén é un medio para 'vender' o idioma.
R: De feito ten sido un ámbito de resistencia, pero coa literatura soa non salvamos o país. Podemos ter unha excelente literatura e unha lingua morta socialmente.

Comentarios