Carmela Silva aposta pola loita contra o machismo

O Goberno da Deputación destina 100.000 euros a 30 entidades que fomenten a igualdade

O Goberno de Carmela Silva aposta pola loita contra a violencia machista. A Deputación destinará 100.000 euros a entidades sen ánimo de lucro que fomenten a igualdade de oportunidades e a erradicación da violencia machista na nosa sociedade.

O obxectivo destas axudas é apoiar ás entidades de iniciativa social que desenvolvan proxectos, programas e actividades en prol da igualdade entre as mulleres e os homes.

Carmela Silva manifestou a necesidade de plantarlle cara a este problema tan presente hoxe en día: "Considero fundamental este tipo de axuda para acabar coa lacra que supón a violencia machista neste país".

Ademais, a presidenta da Deputación sinalou que a aprobación deste tipo de axudas "é moi importante para este Goberno, por iso, neste 2017, aumentamos o orzamento en 25.000 euros respecto ao 2016. As institucións públicas teñen a obriga de estar ao lado da igualdade e traballar para que as mulleres e os homes teñan as mesmas oportunidades".

As subvencións serán proporcionadas a 30 entidades sen ánimo de lucro da provincia de Pontevedra. Segundo Silva, "o traballo que realizan estes organismos é moi beneficioso para a sociedade, xa que necesitamos que todos esteamos unidos ante unha loita común".

Ademais da achega das subvencións, tamén se levarán a cabo actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero. Isto inclúe o desenvolvemento de proxectos de atención integral para víctimas de violencia e para as súas fillas e fillos.

Asimesmo, tamén se levarán a cabo programas de actuación destinados a mulleres que se atopen nunha situación de especial vulnerabilidade. Con todo, o obxectivo principal destas iniciativas é fomentar a maior información, formación e sensibilización da sociedade ante un problema que cada día parece estar máis presente.

Finalmente, Carmela Silva, como presidenta da Deputación, muller e persoa, sinalou que "neste Goberno estamos moi comprometidos con esta loita, e queremos recalcar que unha sociedade non é xusta ata que é igualitaria".

Comentarios