A catástrofe de Brenntag cumpre nove anos co río Umia "esquecido"

O actual alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, cre que entre os veciños existe "un pouco de amargura. O río Umia non volveu ser o que era" logo da traxedia
Imaxe da parcela no ano 2007
photo_camera Imaxe da parcela no ano 2007

O 1 de setembro de 2006 unha nube negra cubriu Caldas de Reis e, nove anos e un día despois, ninguén pode esquecelo. Un incendio na empresa química Brenntag, declarado hai tres anos pola Xustiza como "accidente fortuíto", provocou un verquido tóxico no río Umia.

O actual alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, que asumiu o cargo de máximo responsable do Concello dous meses despois, recorda que no momento da traxedia non se atopaba no municipio pero un amigo camioneiro comentoullo. "Deixei a comida e achegueime ata o lugar dos feitos para axudarlle ao anterior alcalde, José María Tobío, en todo o que puidera", conta. O camiño ata Caldas de Reis foi "desconcertante porque o primeiro pensamento foi que sería algo importante porque se trataba dunha industria química, pero non coñecía o alcance".

A día de hoxe o soar onde se atopaba a nave da empresa alemá presenta un estado de aparente deterioro e Rey afirma que "a nivel de análise do río non sei que sigue quedando de Brenntag, pero do que son consciente é do pouso de amargura entre a veciñanza. O Umia non volveu ser o que era e os problemas na conca medraron logo desta traxedia".

ESPAZO BALEIRO. Juan Francisco Froján é un veciño de Caldas de Reis que viviu especialmente de preto o incendio xa que era, naquel momento, delegado da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

A súa muller foi a encargada de comunicarlle a noticia cando saía do traballo en Pontevedra. "Conforme ía chegando a Caldas e ía vendo o fume, a preocupación ía aumentando", comenta.

"A repercusión directa foi a perda dunha empresa e dos postos de traballo, o que xerou desolación na zona. A propia natureza axudounos a que o Umia se recuperara nos dous anos seguintes. Agora volve a estar esquecido. A despreocupación da Administración é considerable", engade Froján.

O ex-delegado ten claro que "de Brenntag queda un espazo baleiro rodeado de máis espazos baleiros por culpa da crise".

Comentarios