Catoira presenta unha taxa baixa de consumo de alcol entre a mocidade

Un estudo indica que a media é do 8,6%, fronte ao 19,3% en Galicia

Un estudo levado a cabo en centros escolares galegos polo Plan Nacional sobre Drogas e a Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Universidade de Santiago amosa que a prevalencia do consumo de alcol entre a mocidade de Catoira é das máis baixas de Galicia. 

O obxectivo da enquisa, realizada a 108 adolescentes con idades comprendidas entre 11 e 17 anos, é a de coñecer os hábitos de consumo de alcol e outras substancias, así como dispoñer dos datos estimativos dos que puidesen estar realizando un consumo abusivo. 

No tocante ás prácticas perigosas baixo os efectos do alcol, como a condución ou os comportamentos de risco, o resultado global de Catoira é dun 8,6%, fronte ao 19,3% en Galicia. A pesares de que a idade media de inicio no consumo de alcol se achega aos 13 anos, a recorrencia e esta substancia no contorno familiar é moderada. 

As prácticas de risco atópanse estreitamente relacionadas coa idade, o diñeiro dispoñible para saír, á hora de chegada á casa e o consumo dentro do grupo de amigos. Un 18,7% apúntase ao botellón polo menos unha vez ao mes e o 100% dos participantes consome alcol-. Un 26,2% afirma saír mensualmente e un 36% recoñece ter subido a un vehículo cuxo condutor se atopaba baixo os efectos do alcol durante o último ano. 

O consumo de tabaco durante o último ano sitúase preto do do haxix, que alcanza un 6,5%, fronte ao 8,7% do tabaco. 

Estes datos son froito do traballo que se leva a cabo en Catoira dende 1996, dirixido por Manuel Isorna. Coas avaliacións establece as liñas de actuación e evalúa a efectividade das medidas. 

O programa ocúpase de alumnos e pais, e, tendo en conta a problemática a nivel social, atópase orientado tamén a outros ámbitos como as autoescolas, nas que se imparten cursos. Deste xeito, facilítase a abordaxe das preocupacións inminentes e futuras, como o autocultivo de cannabis, as drogas emerxentes, a submisión química ou as drogas facilitadoras do asalto sexual.

Comentarios