domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

Catro empresas de O Morrazo benefícianse das subvencións do Inega

José Manuel Cores Tourís
José Manuel Cores Tourís
Grazas a estas subvencións levaranse a cabo auditorías enerxéticas e iniciativas de aforro e eficiencia para o uso racional da enerxía

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou este luns as axudas que a Administración autonómica acaba de outorgar aos concellos da provincia a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), incidindo sobre as catro empresas que contarán con esta axuda nos concellos de Bueu, Marín e Cangas.

Deste modo, o Inega aprobou varias liñas de subvencións relativas á realización de auditorías enerxéticas, mobilidade con combustibles alternativos e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores da industria e servizos, ademais da implantación de sistemas de xestión.

"O obxectivo destas axudas é impulsar as iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables", explicou José Manuel Cores Tourís, engadindo que "deste xeito, queremos fomentar o uso racional da enerxía e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia".


O Inega achega este ano para esta convocatoria case dez millóns de euros procedentes de fondos comunitarios


PROXECTOS. Para o desenvolvemento destes obxectivos dados, e no intento de incentivar a transformación da actividade industrial en Galicia cara unha industria novidosa que aumente a súa competitividade nun mercado a nivel global, o Inega formula este sistema de subvencións, xunto cos creados por outras entidades públicas, relacionados cos proxetos que fomenten o aforro e a eficiencia enerxética en empresas do sector industrial e servizos.

"As actuacións que se van desenvolver nesta convocatoria enmárcanse dentro da Estratexia Enerxética de Galicia que se ten pensado para o período 2015-2020 e a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, que alude á utilización do aforro e eficiencia enerxética como instrumento para a mellora da competitividade e o fomento do emprego na comunidade", explicou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra na rolda de prensa.

EN NÚMEROS. O Inega achega este ano para esta convocatoria case dez millóns de euros procedentes de fondos comunitarios do programa operativo Feder-Galicia.

No ámbito dos proxectos de aforro e eficiencia enerxética razoable no sector da Industria, 157 iniciativas foron aprobadas, das que 61 ideas corresponden á provincia de Pontevedra, onde están beneficiadas dúas empresas de Bueu e unha de Cangas, destacando tamén que a Xunta achega o 40% da suma total de cada proxecto.

Finalmente, no terreo das iniciativas de aforro no sector servizos, dos 51 proxectos que foron aprobados, 17 corresponden á provincia de Pontevedra, beneficiándose neste caso unha empresa de Marín. En datos, contan cunha valoración moi positiva, sendo máis do 30% os proxectos que atañen á zona. De entre os proxectos aprobados polo plan, dúas empresas de Bueu, unha de Cangas e unha de Marín veranse beneficiadas.

Catro empresas de O Morrazo benefícianse das subvencións do Inega
Comentarios