Cavernícolas

Se as cousas non mudan de rumbo, e non mudarán a curto prazo, o desánimo debía entrar cos máximos honores no catálogo de enfermidades da OMS. Como acontece cos virus, chegamos ao punto de recibilo por toda clase de condutos, desde a tinta dos xornais ás palabras máis cotiás das conversas. O debate de se os titulares de prensa contribúen a inducilo ou simplemente o reflicten é absurdo, en canto que leva a un bucle interminable. O desánimo está entre nós, solidificouse, paralízanos.

A miña xeración, que non tivo o marxismo e derivados como alimento cotián, pode ver hoxe aquel corpus ideolóxico como simple programa de mínimos para salvar os ambulatorios.

Resúmolles a historia: na euforia da posguerra fría, despois de vacinarse contra os espectros vermellos, as sociedades europeas botaron as mellores alfombras para que as pisasen os listos e os ladróns do barrio. E vaia se as pisaron. Se buscamos agora un punto de inflexión, por ilusión que non quede: eses catro rapaces do 15-M non son tan poucos, nin (algúns) tan novos. No seu labirinto de pluralidade asemblearia, a Porta do Sol deixa entrever algo tan simple como que a sociedade se rexe por correlación de forzas. Desta beira do río, a forza é o sumatorio da masa, multitude ou pobo. ¿Cavernícola? Os piratas das finanzas, eses si que son cavernícolas.

Comentarios