viernes. 27.11.2020 |
El tiempo
viernes. 27.11.2020
El tiempo

Bugallo: "Todo o mundo soña con atracar un banco"

Celso Bugallo
Celso Bugallo
Non sabe o que son as vacacións nin lle interesa porque quere interpretar ata a morte. Será o pai de Miñanco en 'Fariña'

Con 16 anos viu Rebelde sen causa e mudou o xeito de peinarse, vestiu unha chupa de coiro e mesmo se preocupou polo volume dos seus bíceps. Logo comezou a traballar como actor nunha compañía de teatro e, xa con 50 anos, debutou no cine. Con 70, non ten intención de retirarse.

Di que naceu como actor con James Dean. Era vostede un Rebelde sen causa?
Era un ídolo de xuventude, pero eu non era exactamente un rebelde sen causa, aínda que vivimos uns anos 60 en Bilbao (onde meus pais emigraron) moi movidos. Eu non era unha persoa moi guerreira, era bastante tranquilo. É certo que me gustara a película e o papel do actor, pero a idea de que nacín como actor cando vin ese film é unha teoría moi romántica.

Non se identificaba entón coa rebeldía daquelas décadas?
Si, pero eu tiña 15 ou 16 anos e gustábame máis xogar ao fútbol ou ter relacións coas rapazas.

Se tivera que escoller unha película que lle gustase especialmente, cal sería?
Hai moitas que me gustan, pero unha das que máis me impresionaron foi a primeira parte de El Padrino.

Vostede mesmo agora está traballando na rodaxe dunha serie que tamén fala de mafia, Fariña. ¿Que ten o narcotráfico que está tan de moda na televisión?
Estamos facendo unha reflexión crítica acerca de todas as consecuencias que traen a unha sociedade ese tipo de actividades que, particularmente en Galicia, non fixeron ningún ben.

¿Pero, en series como Narcos, non se está a reflectir unha imaxe dos mafiosos carismática e mesmo atractiva?
Eu creo que a reflexión final é crítica. Agora mesmo, Fernando León de Aranoa está facendo unha película sobre Pablo Escobar. Javier Bardem, que interpreta o papel protagonista, explicaba que esta non era unha versión romántica do personaxe en sí. Queda claro que detrás de toda esa imaxe de xenerosidade coas clases pobres que Escobar quería amosar hai unha persoa á que só lle interesan os cartos para o seu beneficio propio.

Entre as sesións de gravación, tivo tempo para unhas vacacións este verán?
Para os actores ese é un concepto moi teórico, porque nunca temos vacacións en sentido estrito. Na nosa profesión temos moitos paróns nos que podes aproveitar para facer unha viaxe, pero unhas vacacións convencionais non as tiven nunca.

"Pontevedra sería a cidade máis bonita do mapa europeo se non tivese pasteira, cloreira, nin Praza de Touros"


Ao mesmo tempo, estase emitindo unha serie en Antena 3, El incidente, de temática sobrenatural na que traballa vostede. Cre nos fenómenos paranormais?
Eu nin creo nin deixo de crer. Ás veces suceden cousas que non entendemos, pode ser porque nós non o comprendamos todo. A vida é demasiado complexa e rica en fenómenos.

Ten escrito un guión sobre un grupo de xubilados que atraca un banco.
É certo. Teño moitas cousas escritas que pode que non teñan moito percorrido, porque me gusta escribir. Neste caso, fixen unha pequena novela a partir da cal escribín un guión. Pero non teño moi claro cal será o percorrido diso.

Fantasea vostede con atracar bancos?
Pois a verdade é que me gustaría.

Como vinganza por algún desencontro con algunha entidade ou polo botín?
Eu faríao por puro entretemento, por pasalo ben. Eu creo que todas as persoas que vivimos neste planeta soñamos algunha vez con atracar un banco.

Que faría cos cartos que roubara?
Investiríaos nalgo que me gustase a min. Quizais en facer unha película.

E o de xubilarse, pensouno algunha vez?
Legalmente estou xubilado, pero os actores sómolo ata a morte. Estamos situados nesa servidume, sentimos unha responsabilidade de seguir facendo papeis. O actor, mentres a súa cabeza siga funcionando, pode seguir sendo útil traballando nunha película.

Nunca tivo a tentación de xubilarse de verdade ao ver cal era a situación de precariedade de moitos actores?
Si, hai momentos nos que podes cansarte. Eu nunca pensei nesa posibilidade e espero que a vida me permita traballar ata que non poida máis. O panorama laboral está mellorando bastante en España. Somos moitos actores e actrices, hai moita xente nova traballando nesta profesión e creo que a industria mellora. Pero é necesario que os salarios aumenten, para que a xente poida vivir disto. Actualmente contamos con directores estupendos, de feito, a película que representa a España nos Oscar é unha ópera prima dunha rapaza moi nova. É un fenómeno que está a acontecer.

Vostede naceu en Vilalonga, pero logo emigrou cos seus pais a Bilbao, a Logroño e, finalmente, volveu a Pontevedra. Cal é o seu lugar?
Eu quedo con Pontevedra, pero Bilbao e Logroño son fenomenais. Estiven en Bilbao hai tres anos e é unha cidade encantadora. La Rioja é un lugar fermoso e frutífero, non só de viño, senón tamén na horta.

Dixo que Pontevedra era a súa preferida pero non lle botou ningún piropo.
Creo que xa non fai falla. Sería a cidade máis bonita do mapa europeo se non tivese pasteira, cloreira, nin Praza de Touros. Con todo, penso que na actualidade Pontevedra está máis fermosa e coidada que nunca. Esta é a súa mellor época.

Bugallo: "Todo o mundo soña con atracar un banco"
Comentarios