Cerdedo-Cotobade creará un selo co que promocionar a agricultura

O Concello fusionado fíxase en exemplos como o de A Veiga para por en marcha a súa propia iniciativa
Jorge Cubela
photo_camera Jorge Cubela

Unha marca propia promocionará a agricultura e gandeiría de Cerdedo-Cotobade, se o proxecto que o Concello fusionado está a por en marcha seguindo o exemplo doutros municipios galegos, sae adiante.

Así o anunciou o presidente da Xunta Xestora, Jorge Cubela, no transcurso do debate plenario desta semana sobre unha das dúas moción presentadas polo socialista Xoel Vázquez encamiñadas a reforzar o traballo co sector primario no municipio.

Vázquez Dios propón medidas de apoio para a agricultura, como "un organismo dependente do concello que coordine, asesore e fomente a creación de cooperativas baseadas na agricultura e gandería ecolóxica investindo, ademais, na mellora e creación de novas infraestruturas para elo", explicou.

O alcalde presidente respostou que o Concello xa está traballando nesa liña para favorecer a todas as iniciativas agrícolas e gandeiras nas que se está traballando no Concello. "Temos a idea de crear unha marca propia coa que axudar á promoción de todos estes produtos", relatou o rexedor, que citou ao Concello da Veiga ou o de Pobra de Trives, como un dos exemplos nos que se quere basear a proposta cerdedo-cotobadesa.

De feito, engadiu, os técnicos de desenvolvemento local do Concello, José Luis Pardo e Carlos Otero, xa mantiveron algunhas reunións para darlle forma ao proxecto.

A idea é que nesta iniactiva se poida facilitar unha medida de difusión e outras vías de apoio a entidades como a empresa que cultiva arandos ecolóxicos en Santa María de Sacos; aos dous gandeiros que crían vacún, caprino e razas autóctonas tamén con pegada verde, ou á firma que produce caracois en Sacos, entre outras moitas.

A proposta tamén pode ter en conta a capacidade produtora de pequenas entidades ou dos particulares, posto que no territorio de Cerdedo-Cotobade se dan iniciativas de produción artesanal chamativas como pode ser o requeixo de Corredoira que non teñen, de momento, cabida no mercado regular.

COMUNIDADES DE MONTES. No mesmo Pleno foi rexeitada polo Goberno local outra proposta do partido socialistado concello fusionado para crear unha central de compras que colabore coas comunidades de montes e permita axudarlles a optar a mellores condicións e axudas para explotar o monte como recurso económico e para mantelo limpo e a salvo de incendios.

"Temos unha ampla colaboración coas comunidades. Xa houbo dúas reunións este ano, e estamos tentando relanzar a Mancomunidade de Montes de Cotobade. Informámoslles sobre as liñas de subvencións, e mesmo sobre reunión como a desta semana con Aceites Abril", aclarou o rexedor.

Comentarios