domingo. 12.07.2020 |
El tiempo
domingo. 12.07.2020
El tiempo

"A XUNTA PODE FACER AS OBRAS QUE LLE DEA A GANA EN LOURIZÁN"

César Mosquera: "Coa compostaxe traballamos na mesma dirección que Nova York ou Vancouver"

Café de redacción con César Mosquera
Café de redacción con César Mosquera
O ideólogo do modelo urbano que puxo a Pontevedra no mapa mundial busca agora converter a Boa Vila en referente da compostaxe. Da xestión provincial, do BNG e do seu futuro fala nesta entrevista

Cando se achega ó ecuador do mandato como vicepresidente provincial, Césareo Mosquera (Valga, 1954) fai balance desta nova etapa. "A valoración é positiva. A Deputación collera unha deriva delicada no periodo de Louzán e necesitaba un revulsivo", subliña. "Fixemos un programa que en liñas xerais se está cumprindo. Sempre pode haber algunha pequena disfunción, pero non na parte política". 

Había quen pensaba que a chegada de Carmela Silva ó Pazo provincial supoñía que a institución viraba cara Vigo.
A sospeita era infundada. Primeiro, que o que é a presencia de cada Corporación está regulado pola Lei electoral polo que, obviamente, a presencia de Vigo é moi importante. A Deputación ten unha importante carga de centros cara os que mirar: o Museo de Pontevedra, a Escola de Enfermería, Mouriscade, o Castelo de Soutomaior, a Cidade Infantil Príncipe Felipe... e hai que atender os concellos de menos de 20.000 habitantes. Iso facemos.

O mellor destes dous anos é a aposta pola compostaxe e o peor o conflito co Parque de Maquinarias?
Non. O mellor é que desapareceu da Deputación certo tipo de comportamentos. Había unha estrutura político funcionarial que sesgaba a gran maioría das contratacións de persoal. Falo da famosa 'universidade de Ribadumia'. E, despois, había ese comportamento decimonónico que facía honra aquilo de "pa caciques, Pontevedra", porque había que vir coa gorra a ver se o dedo do presidente Louzán se decidía a dar favores ou non. Todo iso desapareceu. E, en segundo lugar, e nesta mesma liña, o mellor tamén foi a boa aceptación que en xeral tivo esta nova maneira de traballar dentro do funcionariado. O peor foron as actuacións do PP. Houbo unha guerra sen cuartel entre a vella garda e, digamos, os novos. E dentro desa guerra vén ese brazo armado do PP que é o Parque de Maquinarias. Foi desagradable, pero hai que darlle a relevancia política que ten.

Economía
"Hai que avanzar no dinamismo de iniciativas empresariais con sectores compatibles co modelo de cidade"


Nada máis chegar á Deputación presentou a iniciativa para a posta en marcha da compostaxe, que é unha das súas bandeiras como vicepresidente provincial.
A compostaxe vai chegar ata onde os concellos e a sociedade queiran. Nós fixemos unha previsión de entre quince e vinte concellos e xa estamos por riba das previsións co que iso supón de esforzo e de medios. En canto o exemplo cunda aínda se adherirán máis concellos. Estamos a colaborar moitísimo con estes primeiros, que, por certo, hai de todos os grupos políticos. Xa que teñen a valentía política de saír de camiños trillados e meterse en novos camiños dámoslles todas as facilidades. Queremos ser un referente. Estamos no punto evolutivo preciso. Sería imposible ter feito o modelo urbano de Pontevedra dez ou doce anos antes, porque non había suficiente bagaxe. Coa compostaxe pasa igual. Por iso non o lanzamos antes. Estamos nun momento no que temos moitos coñecementos. Nova York, Seattle, San Francisco, Los Ángeles, Vancouver... van nese camiño. Nós temos un ámbito máis pequeno, pero traballamos na mesma dirección que zonas punteiras de todo o mundo.

O éxito do modelo urbano de Pontevedra animou ós concellos a adherirse á compostaxe?
A solución que se foi dando a problemas en Pontevedra ten certo prestixio. O outro día tivemos unha reunión con técnicos de Fomento que nos deixaran facer o proxecto de Josefina Arruti, que ía facer o Ministerio e o xefe de Demarcación dixo: "Se se trata dunha estrada nós sabemos moito máis, pero se se trata dunha urbanización sabedes moito máis vós". Non se chegou a iso por casualidade. Hai todo un traballo detrás dos funcionarios e dos políticos.

César Mosquera é o ideólogo do modelo de cidade. A Pontevedra que temos hoxe é a que imaxinaba vostede?
En liñas xerais si. Cando era crío xuntabámonos no patio da Peregrina a xogar. Iso desaparecera todo e os rapaces escapaban do centro. Agora vólvese a iso. Iso non o podiamos predicir, pero en liñas xerais era o que queriamos. O que eu fixen, á parte de impulsar parte do proxecto, foi poñer a cara por decisións que había que tomar si ou si. Estivemos moi ben asesorados e sabiamos o que queriamos, así que funcionou moi ben. As únicas variables que non tiñamos controladas foron, primeiro, canto tempo ía tardar a xente en tomar as rúas, pero resolveuse pronto porque era facer as obras e xa a xente ía por riba da obra. E a segunda, cantos coches son necesarios para que a cidade funcione. Supoñiamos que eran poucos pero había que probalo. De todas formas, se a xente non chega asumir este modelo coma seu era imposible que funcionase.

Que lle falta a este modelo de cidade? Xa está rematado?
En absoluto. Este modelo de cidade leva asociadas outro tipo de medidas como a non proliferación de centros comerciais. Algo que non logramos e que crea un problema moi serio para rematar o modelo de cidade é sacar de aí a Ence. Podía ser un espazo marabilloso e recuperar o reborde marítimo que está moi detereriorado e recuperar a calidade ambiental. Hai algo no que se avanzou e hai que avanzar moito máis que é no dinamismo de iniciativas empresariais, culturais, etc. Con sectores compatibles co modelo de cidade, non con industria básica. O modelo urbano como estrutura física é importante, pero hai outras facetas que tamén o son. Avanzouse bastante pero queda moito por avanzar. Por exemplo, ó río levoulle tempo limpar. Neste momento está razonablemente limpo, pero hai que seguir. E parte da cidade segue necesitando moitos coidados, aínda non está en condicións óptimas.


Peonalización
"Asignáronme o título de gran peonalizador e eu estou en contra das vías que só son peonís"


Vanlle dar unha volta ao calmado de tráfico da zona da Barca?
Si de nós dependera estaba feito. Cantidade de veces a solución que parece máis natural é a que peor funciona. O entorno da Ponte da Barca non é un problema de tráfico, en todo caso haberá na rotonda de Poio. É un problema urbano. A conexión peonil da parte baixa de Poio con Colón é espantosa. Ese é o gran problema, ademais do estado da estrutura de madeira da ponte, que logo de 23 anos xa cumpriu. Sempre dicimos que unha ponte pode unir ou separar. A da Barca separa. Creo que é un problema que ten fácil solución, pero como é da Xunta, porque pertence a dous concellos, non sei se algún día se poderá solucionar. Se cadra é agora o momento de enfocalo.

Cal é a solución? Xa se contemplou nunha ocasión darlle sentido único, pero daquela Poio non estivo de acordo.
É cuestión de prioridades. Aí hai un fluxo peonil reducido respecto do que podería haber porque é moi incómoda de cruzar. Si o que priorizamos son os fluxos peonís, buscaremos solucións en función diso. Se un ten claros os criterios a solución é moi fácil. Tes que saber o que queres.

Daquela, falta vontade política para resolvelo definitivamente?
Cando andan varias administracións a voltas... Nós no seu momento ofrecémonos para colaborar con iso para sacalo adiante, pero non houbo vontade política por parte da Xunta de facelo. Foi na época de Agustín Hernández, que non sei que problema tivo con Pontevedra que non nos daba nin auga.

Un dos obxectivos da Deputación co Plan Móvese é estender ese modelo urbano que aposta pola seguridade vial a outros concellos. Cando se vai empezar a executar?
Están valorando as ofertas que se presentaron. Asignáronme o título de gran peonalizador e eu estou en contra das vías exclusivamente peonís. De feito, non hai ningunha en Pontevedra. O automóbil sexa de combustible fósil ou eléctrico non vai desaparecer, sería unha barbaridade. Imos renunciar a autonomía de coller o coche e ir dun lado ó outro? Claro que non. A min iso non me colle na cabeza. O asunto é usalo cando é necesario e sin que sexa prexudicial para os demais. Nas estradas provinciais vai haber preferencia peonil? Como imos peaonalizar as estradas polo medio do monte? O que imos facer é adoptar medidas de maneira que os peóns ou ciclistas se sintan seguros nas estradas provinciais. Por certo, a primeira institución que puxo lombos antes que o Concello de Pontevedra foi a Deputación. Mal colocados, pero fíxoo.

Que vai pasar finalmente co Parque de Maquinarias, vaise trasladar, vanse integrar nas brigadas?
O do Parque de Maquinarias é inenarrable. Aí hai máquinas que se compraron e non se usaron nunca e fixéronse certo tipo de traballos que non resisten ningunha comparación con nada. A idea é que teñan a máxima rendabilidade, non se poden manter certos privilexios. Os funcionarios non teñen nada que temer, que van seguir traballando. Imos encargar un estudo para ver a mellor alternativa. Aí hai un problema de fondo, hai un grupo que conta de facer certas actuacións fóra de toda maquinaria administrativa. Eles non tiñan xefe, as que teñen feito mellor non describilas. Tiñan directrices directamente políticas e, ó cambio, cobraban seis ou sete mil euros ó ano. Era unha situación irregular que non pode ser. O asunto é que iso é insostible. Eu non levo este tema directamente e unha das cousas na Deputación das que me sinto máis contento é de ter cortado esas prácticas.

Que horizonte hai para a recuperación da Xunqueira de Alba?
De entrada é inviable. Trátase dun sistema delicadísimo, de equilibrios tal que tarda milleiros de anos en facerse. O edificio aproveitarase como un espazo público e a contorna tratada como unha ribeira. Agardo que no 19 ou 20 podería estar, pero estes asuntos que dependen de Costas son algo lentos.


A Barca
"O problema da Ponte da Barca non é de tráfico, senón urbano, se de nós dependera, estaba arranxado"


O feito de que o vicepresidente da Xunta sexa o presidente do PP provincial supón para vostede dificultade para a relación institucional?
Rueda é unha persoa difícil. Ten a santa virtude de crispar todo e non ser capaz de dar unha imaxe de conciliación.

Sen embargo, co presidente da Xunta vese que hai boa sintonía.
Os cidadáns non teñen por que sufrir as consecuencias de quen os goberne. Temos que entendernos e se non hai posibilidade hai que explicar por que. O noso estilo non é esixir. Se están intentando facer algo bo por Pontevedra hai que dar un marxe de confianza. Todo leva o seu tempo. En toda institución na que estou prézome de ter boa relación cos gobernos. Por que? Que sentido ten o contrario? Non concibo a política doutra forma.

Sen embargo agora no Concello non é precisamente así.
(Silencio). A mediocridade é moi fastidiada. Non é cuestión de dicir que todo tempo pasado foi mellor, pero creo que non estou moi lonxe da realidade. Non hai que ser un fenómeno para ser un cargo público, pero hai que saber o que se quere facer porque o que temos entre mans son recursos públicos.

A relación co PSOE na Deputación, foi fluída desde o primeiro momento. Carmela Silva e vostede incluso comparecen xuntos para presentar os proxectos. Non lle preocupa que os réditos electorais os acabe levando o grupo maioritario?
Non me preocupa nada. Sería discutible, pero é que no Concello de Pontevedra iso non se cumpriu nunca. En todo caso se os cidadáns me puxeron nesta situación, aínda que houbera ese perigo a miña obriga é facelo o mellor posible. Xa temos todos suficiente bagaxe para saber que o obxectivo fundamental é traballar, non temos que ir logo de cañas xuntos.

César Mosquera: "Coa compostaxe traballamos na mesma dirección que...
Comentarios