Chamémoslle arte na rúa

Amaya González durante a súa intervención na Praza da Peregrina (Foto: Alba Sotelo)
photo_camera Amaya González durante a súa intervención na Praza da Peregrina (Foto: Alba Sotelo)

PONTEVEDRA. "Que pasou? Quen lle tirou con todo?". Pontevedra, a cidade galega da arte por excelencia, sorpréndese coma unha nena coas intervencións na rúa, incluso cando se cumpren dez anos do 'Chámalle X', o festival organizado pola Facultade de Belas Artes.

Amaya González e Alba Blanco foron as protagonistas de onte na primeira xornada do ciclo de arte en acción, que se prolongará ata o 27 de setembro.

Despois de dous anos celebrándose no interior da facultade pontevedresa, o festival volveu ao aire libre para achegar a arte á cidadanía, que puido sacar as súas propias conclusións das intervencións. Acertadas ou non, o certo é que as dúas de onte lograron captar a atención de todos os que paseaban á tardiña polo centro da cidade.

Vestida completamente de negro e empurrando unha carretilla, a sanxenxina Amaya González achegouse á Praza da Peregrina dende a rúa Michelena. Parou ante o santuario e comezou a remexer entre o seu prezado tesouro, cheo de pezas metálicas e douradas. Unha acción estática e de detalle.

A artista observa minuciosamente cada un dos abalorios, cólleos, acaríñaos e remata poñéndoos: por todo o corpo. E a escura figura ilumínase con maquillaxe tamén dourada.

Así durante preto de media hora, un tempo despois do cal Amaya González envorca inesperadamente a carretilla. O rebumbio escóitase en toda a praza e achégase máis público, que interpreta que debe coller os diversos obxectos, esparexidos polo chan.

'Alegoría' era o título da intervención, que cada quen interpretou ao seu modo.

Pola súa banda, Alba Blanco estivo acompañada doutras tres mozas na súa 'performance', 'Chuma 3'.

A artista tentaba escribir un texto no chan con xiz, que non pasou de "Érase unha vez...". Os zapatos de xeo das súas acompañantes impedían que lograse o seu obxectivo. "Os contos son o eixo de tódalas miñas performances", asegura, para engadir que a súa intención onte era a de buscar no interior dos pontevedreses "a ese neno ou nena que todos levamos dentro, así como xogar coas súas ilusións e fantasías".

O 'Chámalle X' continúa hoxe coa intervención de María Marticorena na Praza da Leña (19.00 horas), a quen seguirá Ana Gesto, na Praza da Peregrina (20.00 horas). 'Instintos en duelo' e 'Gesto é sombra (acción número 3)' son os títulos das súas pezas artísticas.

Ademais, mañá domingo David Crespo ofrecerá 'Técnica del balón' na Praza da Peregrina (12.30 horas).

A principal novidade das xornadas de arte en acción na rúa é que tamén se desenvolverán en Ourense coa colaboración do campus da cidade das burgas.

Ademais, o Museo de Arte Contemporánea, Marco, de Vigo, tamén acollerá dúas intervencións.

Comentarios