Chelo Besada: «O BNG ten que ver que non vale todo, que non está gobernando só, e debe rectificar»

Chelo Besada. g. garcía
photo_camera Chelo Besada. g. garcía
O grupo municipal socialista de Poio saíu á palestra esta semana por non apoiar no Pleno unha medida proposta polo seu socio de Goberno. A abstención de Besada e Gregorio Agís colleu por sorpresa ó BNG e á oposición pero, sobre todo, abriu unha fenda nun dos bipartitos aparentemente máis consolidados da provincia

leva case once anos gobernando en coalición co BNG de Poio. O primeiro mandato conxunto foi a mediados dos 90, cando Luciano Sobral accedeu á Alcaldía por primera vez e ela asumiu o cargo de concelleira de Servizos Sociais. O segundo prolongouse dende 2007 ata 2011 e ese ano renovouse o pacto político e estableceuse por terceira vez un Goberno coaligado que segue vixente na actualidade. Agora, a pouco máis dun ano para as vindeiras eleccións municipais, a tenente de alcalde e o seu compañeiro no partido socialista decidiron dar un golpe na mesa e, como ela mesma declarou onte, «darlle un toque de atención» ós seus socios no bipartito. No Pleno celebrado o pasado martes, Chelo Besada e Gregorio Agís non apoiaron un recoñecemento de crédito de 486.000 euros que pretendía tramitar o BNG para pagar facturas pendentes. Pola contra, os socialistas optaron por absterse e criticaron a actitude dos seus compañeiros na Administración local.

Cal foi o motivo de non apoiar esta medida?

A razón foi que non estamos de acordo coa maneira na que o BNG realizou algúns gastos. Non critico eses investimentos, senón a forma na que se xestionaron. Non me parece mal que se realizaran as obras, actividades, compra de materiais, etcétera; pero penso que non foi correcto que moitas desas actuacións as contratara directamente o alcalde, sen pedir antes presupostos a varias empresas para poder comparar os prezos e elixir a opción máis rendible e vantaxosa para o Concello. Creo que iso se debería facer así aínda que non exista unha esixencia legal. Un xestor público ten que traballar sempre por obter as mellores condicións e tomar as decisións meditándoas primeiro. Se comparas entre varias empresas, podes obter prezos máis competitivos e saber de antemán o que vas gastar, sen levar despois sorpresas desagradables.

E entón por que non votaron en contra do recoñecemento?

Abstivémonos porque, por riba de todo, pensamos que esas empresas ou provedores que realizaron un traballo ou prestaron un servizo teñen dereito a cobrar por el. Non se trata de castigalos a eles. Ó contrario, queremos amosar o noso agradecemento a todos eses provedores e empresarios pola súa paciencia, porque estiveron varios meses esperando sen cobrar e, a pesar diso, non esixiron intereses de demora. Quero deixar claro que eramos moi conscientes de que a nosa abstención no Pleno non impediría que se aprobase ese recoñecemento de crédito para poder pagarlles, porque ó BNG bastáballe coa maioría simple. Fixémolo así para darlle un toque de atención ó Bloque e que vexa que non vale todo.

No Pleno non só criticaron a maneira de facer os gastos por parte dos seus socios de Goberno, senón que tamén os acusaron de inxerencias nas súas áreas.

Si. É unha actitude habitual súa realizar intromisións nas concellerías que non lle corresponden e véñeno facendo desde que empezamos a gobernar en coalición, pero este ano foi demasiado. Precisamente, se non apoiamos o punto do recoñecemento de crédito foi para que se decaten de que non están gobernando sós, para que recapaciten e fagan as cousas doutra maneira.

A que inxerencias concretas se refire?

A obras que encargou o alcalde unilateralmente, a pesar de que a Concellería de Obras a dirixo eu, e a outro tipo de actuacións. Falo dunha situación xeralizada.

Isto abre unha fenda no bipartito? É dicir, suporá algún cambio na estrutura do Goberno local?

Non. A ver, nós entendemos que este Goberno é bo e que traballa por favorecer á cidadanía e por iso estamos gobernando en coalición, pero tamén podemos fiscalizar o que non nos parece correcto. Eu espero que isto non supoña un conflito nin unha ruptura dentro do bipartito. É un toque de atención para que o BNG entenda dunha vez que hai que dialogar e gobernar en común. En todos estes anos, o PSOE nunca provocou un conflito interno e gobernamos como se fósemos un único grupo, pero cando se sobrepasa un certo punto, non podemos calar sen máis. Cremos que o Concello está gastando máis do que debería por culpa desa actitude da que falamos antes e iso, a fin de contas, prexudica á cidadanía. Nós non podemos permitir eses excesos.

Vaise reunir estes días co BNG para achegar posturas e falar disto?

Agora estamos pendentes de manter unha reunión para falar sobre o Orzamento deste ano, porque polo momento segue prorrogado o de 2013, pero aínda non sei cando a imos celebrar.

Comentarios