China: a cara B

Remataron esta fin de semana as macrosesións parlamentarias chinesas. O principal pouso que deixan tras de si é a ampla preocupación polo desmedido aumento das desigualdades sociais. Un recente informe do Banco Mundial sinala que o coeficiente Gini, un importante medidor da disparidade de ingresos, na terceira economía do mundo elevouse a 0,47 en 2009, superando a "liña de seguridade" do 0,4, desvelando a existencia dunha profunda desigualdade na distribución de ingresos que podería dar a lugar a disturbios sociais. Hai tres décadas, a cifra oscilaba entre 0,21 e 0,27.

Noutras palabras, o salario de todo un ano dun pequinés, por exemplo, dos máis altos na China, non da nin para pagar un metro cuadrado dunha vivenda. Outro informe oficial sinalaba que na capital chinesa é mais cara a guardería, moi escasas, ca universidade. Mentres, na listaxe de Forbes deste ano, figuran xa 27 novos ricos do xigante asiático, convertendo a China no país con maior número de millonarios (89) despois de EEUU.

As diferenzas entre o campo e a cidade, entre as zonas costeiras e as do interior, pero igualmente nas pensións, no acceso á educación ou a saúde, etc., tensionan a emerxencia chinesa. De pouco serve que estea a piques de converterse na segunda economía do mundo, ter a maior reserva de divisas do planeta, crecer un 8,7% cando o mundo sumíase na recesión máis grave dos ultimos anos, se todos eses datos non permiten que a súa inmensa poboación tire proveito para mellorar o seu benestar. O tándem Hu Jintao-Wen Jiabao, que iniciou a súa andaina en 2002, vén prestando maior atención ás carencias sociais pero a lentitude e a insuficiencia das reformas promovidas está a pasarlle factura, visible mesmo antes do estoupido da crise a finais de 2008.

Para o goberno, impulsar as reformas e evitar unha federación das frustracións que agroman no interior é un imperativo esencial para garantir a estabilidade. Como tamén é moderar as tensións cos países desenvolvidos, en fase de ascenso non soamente polo proteccionismo comercial senón polo pulso estratéxico que revelan asuntos como a apreciación do renminbi, a moeda chinesa, ou as disputas en áreas de influencia de importancia como África, Asia central, América latina ou o sudeste asiático, espazos onde a diplomacia estadounidense tenta recuperar terreo perdido, plantando cara ao seu principal acreedor. China entra nunha nova fase do seu proceso, a todas luces máis complexa.

Comentarios