Cinco galardóns para a asociación Sete Espadelas

A asociación pontevedresa faise con catro primeiros premios e un segundo no Día do Enxalzamento do Traxe en Compostela
Recreación dun grupo de labregos de volta da feira da Pastoriza con traxes de cotío
photo_camera Recreación dun grupo de labregos de volta da feira da Pastoriza con traxes de cotío

Con traxes tradicionais de home e de muller, tanto de gala como de cotío, e coa recreación dun grupo de labregos de volta da feira da Pastoriza (Lugo), a asociación etnográfica pontevedresa Sete Espadelas fíxose con cinco galardóns no Día do Enxalzamento do Traxe Galego, que se celebrou o pasado sábado en Santiago de Compostela. Herdeira do traballo que viñan realizando na recuperación e reivindicación do traxe tradicional Os de Algures (tamén recoñecidos en Compostela en diversas ocasións ao longo dos últimos anos), Sete Espadelas foi merecente de catro primeiros premios e dun segundo neste certame que celebraba a súa 38º edición da man da Asociación do Traxe Galego e do Concello de Santiago. "Así, a asociación fíxose con cinco dos nove premios entregados", explica Sete Espadelas. 

Tal e como informa a asociación, na categoría de traxe de home de gala fíxose co primeiro premio (para José Luis Rodríguez), por unha reproducción dun pintado por Dionisio Fierros no seu cadro Saída de misa dos aldeanos cerca de Santiago en 1862.

Na categoría de traxe de home de cotío (para David Quiñones) foi merecente do primeiro premio por un deseño a partir dun dos personaxes do Bosquexo para un ballet galego, feito por Castelao en 1934.

MULLERES. Polo que se refire ao apartado feminino, o primeiro premio na categoría de traxe de cotío (para Sabela Rodríguez) foi por un de faena, reproducción exacta do que pintou Alfredo Souto en 1889 no seu óleo A leiteira.

Na categoría de traxe de muller de gala, Sete Espadelas fíxose cun segundo premio (para Irene Rodríguez) por un deseño de garda das Mariñas, realizado a partir de varias pezas antigas recollidas na comarca de Betanzos.

Finalmente, na categoría de grupo, os pontevedreses recibiron outro primeiro premio por 15 traxes de cotío de labregos volvendo da feira da Pastoriza. 

"Sete Espadelas ten como obxectivos o estudo, investigación e reprodución do traxe tradicional así coma a organización de diferentes eventos e mostras relacionados coa nosa indumentaria", explica a asociación. "Para isto recupera os patróns antigos, o xeito da confección e os tecidos, baseándose en pezas mestras antigas, documentos gráficos ou informacións recollidas ós nosos maiores". 

O pasado mes de xuño, o colectivo organizou a I Mostra de traxe tradicional Sete varas, un refaixo no Pazo da Deputación de Pontevedra. Actualmente ten unha exposición sobre o proceso artesanal do liño na Casa da Luz, que se pode visitar ata o vindeiro 6 de agosto. Un día antes, celebrará alí mesmo a conferencia O liño e o seu papel na indumentaria tradicional (19.00 horas, entrada libre).