Cinco núcleos rurais do concello de Lalín optan ao premio Aldea singular

Xaxán, Doade, Soutolongo, Dozón e A Xesta presentaron as súas candidaturas
Imaxe da malla en Doade
photo_camera Imaxe da malla en Doade

Cinco núcleos rurais de Lalín optarán a facerse co premio Aldea singular, que organiza o Goberno local. Nesta primeira edición está dotado con 15.000 euros. Presentaron as súas propostas as aldeas de Xaxán, Doade, Soutolongo, Dozón e A Xesta.

Este galardón pretende recoñecer a aquel lugar ou parroquia que máis destaque na defensa e conservación da súa contorna natural e ambiental, o patrimonio histórico, cultural e artístico, e nas iniciativas de impulso económico, social e de integración veciñal. A aldea gañadora deberá investir o importe do premio en actuacións que redunden no conxunto de veciños e sempre sobre terreos e espazos de dominio público.

Os investimentos deberán estar relacionados con obras de construción ou rehabilitación, limpeza, sinalización, recuperación de espazos, mellora de alumeado público, adecentamento e construción de redes de saneamento e canalizacións e aforro enerxético.

O xurado que valorará os proxectos presentados emitirá o seu fallo o día 15 deste mes, coincidindo co inicio das actividades da Feira do Cocido. Estará formado polos concelleiros delegados de Urbanismo, Facenda, Rural e Cultura, ademais de por un técnico de Urbanismo, expertos en Arquitectura e Medio Ambiente e un artista de relevancia cultural.

Este tribunal valorará a conservación urbanística e arquitectónica de cada un dos lugares propostos, a súa integración na paisaxe e o coidado dos valores naturais, sen esquecerse da súa actividade sociocultural e do proxecto de actuacións presentado.

O premio Aldea Singular está recollido no pacto de goberno dentro das medidas de promoción e recuperación do rural, unha das prioridades que se marcou o Executivo para este mandato. Así mesmo, este recoñecemento encáixase nas actividades relacionadas coa Feira do Cocido, de modo que tamén se contribúe a impulsar o festexo gastronómico. O Goberno local expresou o seu agradecemento a todas as parroquias que participan pola súa colaboración.

Comentarios