martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

Cita con Cunqueiro, Valle e Quiroga

Álvaro Cunqueiro, Ramón María del Valle-Inclán e Manuel Quiroga protagonizarán as exposicións do Museo de Pontevedra no último trimestre deste ano. Víctor Freixanes é o comisario de 'Do niño novo do vento', unha mostra de homenaxe a Cunqueiro no centenario do seu nacemento. 'Retratos de Valle-Inclán' tamén é unha exposición montada co gallo dun aniversario, o 75º da morte do escritor arousán. Finalmente, a última mostra coa que se pechará 2011 será unha adicada ao músico Manuel Quiroga, de novo, por mor dunha efeméride, a do 50º aniversario do falecemento do violonista.

A exposición 'Do niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro 1911-2011' inaugurarase o 30 de setembro. O Sexto Edificio do Museo acollerá esta mostra itinerante ata o 23 de outubro. Comisariada por Freixanes, reúne documentos, obxectos persoais e manuscritos relacionados co escritor para lembrar a súa figura coincidindo co centenario do seu nacemento.

A mostra foi realizada grazas a unha colaboración da Xunta de Galicia, a Fundación Penzol, Merlín Comunicación e a editorial Galaxia. Reúne todo tipo de fondos documentais, obxectos persoais e primeiras edicións da obra de Cunqueiro, segundo indica o Museo.

'No niño novo do vento' estrutúrase en cinco grandes apartados, ''que describen o universo de Cunqueiro a través de elementos como a reprodución do seu escritorio de traballo, a narración do seu contexto histórico e vital ou a exhibición de materiais empregados por el. Un espazo audiovisual reproduce así mesmo distintos documentais, entrevistas e gravacións das súas obras teatrais. Con afán didáctico e accesible a todos os públicos, a exposición está composta por 16 paneis de textos informativos e imaxes no que se fai un percorrido pola vida e obra do escritor mindoniense'', explican os promotores da mostra. En oito vitrinas preséntase ademais unha selección bibliográfica da súa obra galega e castelá, ademais de traducións a diferentes linguas estranxeiras, unha pequena recompilación de artigos xornalísticos e unha selección de prensa sobre as distintas etapas da súa traxectoria.

Literatura

De ámbito igualmente literario será a segunda gran exposición do Museo de cara a finais de ano. 'Retratos de Valle Inclán', que se inaugura o 28 de outubro e se poderá visitar ata o 4 de decembro, conmemora o 75º aniversario do falecemento de Ramón María do Valle-Inclán (Vilanova de Arousa, 1866 – Santiago de Compostela, 1936). Con motivo desta efeméride programáronse en toda Galicia actividades distintas actividades. Unha delas é esta exposición na que teñen cabida non só as representacións plásticas do autor (pintura, escultura e debuxo en particular), senón tamén as de carácter puramente literario.

Esta mostra, promovida polo Museo de Pontevedra, conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela (a través da Cátedra Valle-Inclán) e a Fundación Valle-Inclán.

Estará comisariada polo director do Museo, Carlos Valle, e poderase ver nas salas de exposicións temporais do Sexto Edificio.

Nese mesmo espazo inaugurarase o 10 de novembro a última mostra do ano, adicada a Manuel Quiroga, no 50º aniversario do seu pasamento. Poderá visitarse ata o 8 de xaneiro.

Emilio Quiroga

O anuncio da montaxe desta exposición realizouse a principios deste ano por parte da Deputación Provincial, que informaba de que nela ''se amosará o máis importante conxunto de pezas musicais, persoais e da faceta plástica de Manuel Quiroga do que é propietario o Museo de Pontevedra grazas á doazón realizada no seu día por un irmán do violinista, Emilio Quiroga''.

A que se leve a cabo no Sexto Edificio será a terceira gran exposición arredor de Quiroga este ano en Pontevedra. As outras dúas tiveron lugar no Conservatorio de Música da cidade, que leva o nome do violinista. A primeira foi un gran mural realizado por escolares de distintos centros da capital da provincia.

A segunda estaba conformada por unha serie de obxectos persoais que incluían correspondencia persoal (cartas e postais), documentos como as súas matrículas nos conservatorios de Madrid e París, artigos de prensa, partituras e outros obxectos, como o seu gramófono.


Cita con Cunqueiro, Valle e Quiroga
Comentarios
ç