Clase política

Segundo o barómetro do CIS, os últimos axustes gubernamentais, tomados para que contribúan a saír da crise os que non a produciron, provocaron unha chea de críticas por mor dos soldos, pensións e demais privilexios dos que gozan parlamentarios e cargos institucionais. Aos cidadáns e cidadás amólalles moito a aparente insensibilidade dos políticos coas súas penurias económicas e laborais, mentres os membros da denominada clase política contan con xenerosas remuneracións e pouco exemplarizantes vantaxes, establecidas de maneira truculenta por eles mesmos.

Cando os líderes políticos máis vencellados ao sistema político-económico vixente adoutrinan arreo da necesidade apremiante de reducir o gasto público, cando menos resulta contraditorio que se outorguen o plus de altos cargos, dietas elevadísimas e outras hiperbólicas retribucións complementarias. Por iso, logo de manteren os ouvidos xordos ao clamor popular que pide cambios, non é de estrañar que se considere á clase política como un dos tres problemas máis graves do Estado español, despois do desemprego e da situación económica, pola súa manifesta ineficacia na evitación da crise e mantemento do Estado de benestar, e porén elevado custo de existencia.

O concepto despectivo de clase política irrompe na sociedade ao se facer dominante a perspectiva elitista da democracia sobre a ideal da democracia participativa. A visión elitista, que impregna o tempo presente, contribúe a sementar de desconfianza a relación entre a masa e os dirixentes, establecendo unha división da sociedade en dous grupos cada vez máis afastados: dirixentes e electores. Estes últimos, coa súa condición de cidadanía reducida, considerados inexpertos e apáticos, a diferenza dos primeiros, deberían por tanto deixar que os seus asuntos públicos fosen xestionados por xente entendida ou técnica como son os dirixentes. Os políticos profesionais e a burocracia partidista constituiríanse daquela como un rendíbel sector económico de intermediación, enfrontado de seguido con outros grupos competidores e proclive a defender até o límite a súa perpetuación.

Polo contrario, para a concepción participativa da democracia, defendida polos filósofos progresistas Rousseau e Stuart Mill, había que evitar que existise unha masa abúlica de cidadáns, retirados na súa vida privada e coa participación política reducida a depositar o voto nunha urna cada catro anos e ao pago de impostos. Para estes dous grandes pensadores, só coa participación activa de todos os cidadáns poderíase alcanzar a verdadeira emancipación do individuo e da comunidade.

Na contemporaneidade o termo de clase política asóciase co grupo de individuos que queren vivir sen limitación de mandatos da actividade política e desfrutar dos privilexios e da rendibilidade correspondentes. Mais isto non sería o peor, senón cando a súa continuidade dificulta o aperfeccionamento democrático e a mellora social, por exemplo, impedindo a desaparición das deputacións e do senado ou a redución do número de concellos. Neste caso a controvertida clase política convertiríase para a cada vez máis esixente cidadanía nun problema social grave.

Comentarios