Colectivo Nacionalista rexeita o envío de pacientes a hospitais de Santiago

Membros de Colectivo Nacionalista e outras entidades durante unha protesta no Concello. álvaro agulla
photo_camera Membros de Colectivo Nacionalista e outras entidades durante unha protesta no Concello. álvaro agulla

MARÍN. O Colectivo Nacionalista de Marín expresou onte o seu rexeitamento á modificación da carteira de servizos dos hospitais da Área Sanitaria Norte de Pontevedra, na que está incluído o municipio marinense. «Sumamos a nosa voz ás críticas ante esta decisión unilateral e sen consultar cos profesionais, administracións locais e asociacións de usuarios», sinala nun comunicado.

A agrupación veciñal entede que se trata dun «reparto inxusto que vai supoñer un deterioro das condicións asistenciais e vai acrecentar os problemas de atención aos pacientes», ao tempo que cre que «prexudicará aínda máis as persoas con menos recursos económicos, que nestes tempos de crise e recortes non van poder asumir os gastos de transporte de pacientes e familiares».

Neste sentido, engade que «resulta insultante que por parte da conselleira de Sanidade se asegure que a diferenza da distancia entre ir a Vigo e a Santiago non é significativa», e matiza que «non debe distinguir moi ben as medidas de lonxitude».

Por outra parte, Colectivo Nacionalista asegura non crer as palabras de Rocío Mosquera cando di que só un dous por cento dos pacientes e de xeito voluntario, serán atendidos en determinadas especialidades en Santiago. «Non podemos crer as verbas duns responsábeis políticos que xa nos mentiron cando afirmaron que non se ían implantar copagos, repagos e que non habería privatizacións da sanidade».

Os responsables da entidade consideran que esta medida «é só o principio para o desmantelamento asistencial do Complexo Hospitalario de Pontevedra co fin de transformalo nun grande ambulatorio e xustificar así o traspaso de pacientes, clientes no seu argot, aos centros privados de Pontevedra».

En canto ao novo centro de saúde de Marín, censura que «a conselleira de Sanidade volvera prometer a súa inminente construción, mantendo esa eterna promesa dos nosos gobernantes». Neste aspecto, Colectivo Nacionalista engade que «estamos fartos de visitas propagandísticas e declaracións grandilocuentes tanto da conselleira como da alcaldesa e esiximos feitos e que se clarifique o tipo de centro que pretenden, xa que non pasamos con un coa metade dos servizos privatizados, se é que se chegan a implantar, como o de radioloxía».

Comentarios