Como manda a tradición

Coma as datas o esixen, xa me lancei á decoración da miña árbore de Nadal. Tarefa cada ano máis ardua; pois, conforme pasa o tempo, o que antes era un frondoso piñeiro vaise transformando nun minguado bonsai de cuxas derradeiras pólas penduran, pateticamente, as últimas boliñas charramangueiras. Pero, lonxe de amolarme esta nova aparencia da miña decoración, agrádame, porque penso que é un símbolo de decadencia que lle fai a merecida xustiza ós tempos que corren.

Así, a boliña vermella lémbrame á indumentaria extravagante dese ianqui gordecho que agora pretende adiantárselles ós Reis Magos (faltaría máis co monárquicos que fomos aquí sempre), colándose polas nosas chemineas (esas, típicas das vivendas norteamericanas, que os nosos fogares non teñen pero que, de seguir así, acabarán adoptando por non perder o costume de imitar todo o que proveña de territorio Bush).

Coloco a boliña prateada pensado nos traxes de gala nos que se enfunda dende o máis snob ata o máis ácrata – como manda a tradición, por suposto - para recibir o ano cunha morea de neuronas menos (e, analizando o panorama, non parece que vaiamos sobrados delas, vaites). O verde das boliñas da cima lémbrame ás verduras – ocorrencias estomacais que xorden a certas horas – e ó pouco éxito que teñen na cea de Noiteboa, cando Pepe e Manolo (sempre hai algún dos dous, cando non os dous, en cada familia) aplícanse duro ó marisco e á carne e esquecen por completo (se é que algunha vez foron conscientes diso) que esa noite se celebra o nacemento de Cristo.

Deste xeito, a boliña dourada faime recordar ós relixiosos, ós católicos convencidos, ós que teñen fe, pois eles celebran estas datas sendo conscientes do significado que teñen (que é o único motivo polo que se debe celebrar algo). A última das boliñas, a que coroa a árbore da nosa estupidez, póñoa pensando en todos aqueles que están facendo o propio; poñendo os pastores en fila india cara Belén, enchendo o pavo de noces, mercando agasallos para o sogro e usando o sacarrollas para brindar con champaña pola mestura das datas tradicionais coas datas comerciais e coas datas tradicionalmente comerciais que, por desgraza, acaban séndoo todas. Pero nós ó noso, a non deixar lagostino con cabeza e a ser moi felices todos xuntos como manda a Súa Maxestade o Rei na súa – tradicional, por suposto - mensaxe de Nadal.

Comentarios