«Compartimos a paixón pola música e unha certa ética fronte á vida»

nandoroicasal.JPG
photo_camera nandoroicasal.JPG

Na botica de Nando Casal en Catoira non hai só medicamentos. A trastenda non é tal: é a casa familiar do gaiteiro de Milladoiro e agocha unha chea de libros, instrumentos musicais e un xardín moi coidado polo que pasea e ladra de cando en vez unha cadeliña branca. «Era mellor que entrevistaras a Roi e xa outro día a min», di o Casal máis vello. Cousas de pai. Porque o fillo -que segue a presentar en directo o seu álbum debut, 'Lendas douradas', cando xa prepara o seu segundo disco- é xa unha estrela do novo folk galego. Poden compartir plano perfectamente.

 
Que dirían que os une a vostedes dous?
Roi: É evidente: un lazo de sanguineidade, iso o primeiro. E a profesión, claro.
Nando: Eu penso que sobre todo nos une a paixón pola música. E despois tamén uns certos valores. Somos de xeracións diferentes, pero si que compartimos unha certa ética en canto a plantexamentos tanto musicais como da vida. Na estética é onde non coincidimos.
 
Iso é o que os separa?
R: É normal. O que non sería lóxico é que eu tivese a mesma forma de concibir a música que unha persoa dunha xeración distinta á miña. Se cando eu teña a idade de meu pai, o meu fillo ou os rapaces da idade do meu fillo seguen facendo a mesma música ca min, é que hai un problema. A música tradicional igual que calquera arte necesita evolucionar para non caer morta co paso do tempo.
 
Que pensou Nando cando viu o disco do fillo?
N: Pois, mira, eu realmente escoiteino por primeira vez cando estaba rematado.
 
Iso resulta difícil de crer.

N: Pois é verdade. Non quería interferir para nada, quería que fixera realmente o que quería facer. Sorprendeume o resultado. É un disco interesante. Pensaba que iría por outra liña, pero teño que confesar que unha vez que o escoitei, me gustou moito. Eu agardaba algo máis ‘folkie'. Despois quedei sorprendido pola súa calidade. Sinceramente penso que é moi bo, que abre novas vías musicais. Porque, claro, mesturar unha zanfona cunha guitarra eléctrica é un signo dos tempos nos que vivimos, nos que a guitarra eléctrica está metida ata no que fai o último grupo musical do mundo. Quizais este tipo de propostas constitúan a única maneira que teñan de sobrevivir moitos instrumentos tradicionais, compartindo escenario e sonoridade con outros máis modernos.

Roi: "A música tradicional igual que calquera arte necesita evolucionar para non caer morta co paso do tempo" 

Nando: "Milladoiro é a miña vida. Nese grupo eu aprendín o que era a democracia con maiúsculas, a ética con maiúsculas e a lealdade con maiúsculas"

Que significa Milladoiro para cada un de vostedes? O mesmo? Cousas diferentes?
R: Para min vén a ser case un estilo de vida. Meu pai non entrou en Milladoiro ata que tiña 25 anos, pero é que eu escoitei a Milladoiro dende que estaba no ventre de miña nai. Medrei rodeado dos seus discos e dos seus temas. Por riba, despois fun e ingresei no grupo con 19 anos. É a banda sonora da miña vida. Deles aprendín moitísimo. E non só me refiro a temas relacionados coa música, aprendín moito do que é a vida.
 
Sacou leccións vitais do seu paso por Milladoiro?
R: Por suposto. Ao estar nun grupo dese nivel, que realiza xiras internacionais e chega a acadar a importancia que acadou Milladoiro, non só aprendes moito da música, aprendes moitas outras cousas da vida. Eu diría que ‘fiftyfifty’. Descubres como funciona o negocio, como hai que moverse na industria, como é a cultura doutros países, en que se basean as relacións humanas...
N: Hai que pensar que os músicos que fundamos Milladoiro tiñamos todos moita personalidade e eramos moi distintos, musical e persoalmente. E fomos capaces de compaxinar todo iso durante 30 anos, aprendendo a renunciar a cousas que ti ves clarísimo que deberían ser así e que outro compañeiro ve clarísimo que de ninguna maneira. E acabas por chegar a acordos, a entendementos, tanto musicais como doutro tipo. Milladoiro é a miña vida. Nese grupo aprendín o que é a democracia con maiúsculas, a ética con maiúsculas, a lealdade con maiúsculas. Porque eu penso que se algo caracterizou a Milladoiro foi a lealdade total a Galicia. Eu milito aí dende os 25 anos e aí fun adquirindo unha serie de compromisos que logo me foron moi útiles noutras facetas da vida. Estou falando de seriedade, de responsabilidade, de humildade... Porque sempre fomos un grupo que lle recoñeceu o traballo aos de antes, aos que nos precederon. Agora hai moitos músicos novos aos que escoitas falar e calquera diría que antes de nacer eles non había nada. A min sorpréndeme esa petulancia, esa soberbia. En Milladoiro non eramos así: sempre agradecemos e recoñecemos o traballo dos que nos precederon. Fomos un grupo que sacou case do ostracismo a Ricardo Portela, aquel gaiteiro magnífico de Pontevedra que estaba de bedel no Hospital de Montecelo. Promovemos que se coñecese a este home todo o que puidemos para que o público galego soupese que perla tiña aí. De feito convencémolo para que tocara con nós no Festival de Ortigueira, un sitio ao que todo o mundo leva esa estrela con sona para que tire do concerto e no que nós o que queriamos era que Portela, un tipo ao que daquela non coñecía practicamente ninguén, recibise un gran recoñecemento.
 
Pregunta para o gaiteiro que tamén é voceiro do BNG: é máis sinxelo chegar a acordos entre músicos que entre políticos?
N: O que pasa é que a política é complicada. Coidado, que eu tampouco son dos que digo que todos os políticos son iguais. Penso que os hai bos e honrados en todos os partidos. E iso é o máis importante á hora de defender o pluralismo, que é o principal pilar da democracia. Pero a verdade é que eu persoalmente enténdome moito mellor cos músicos que cos políticos, si.
 
E o compromiso político tamén foi herdado?
R: É que todo está relacionado. Non podes fragmentar unha identidade. Un non pode dicir: eu só defendo o galego ou Galicia, non porque sexa mellor que calquera outro sitio senón porque é o que che tocou, a nivel cultural. Facer iso implica moitas outras cousas. E agora xa non estou falando de teses políticas, senón dun punto de vista persoal, vital, dalgo que forma parte da túa identidade e ao que non tes por que renunciar. Todo o contrario: hai que poñelo en valor. Eu penso que un dos maiores tesouros que posúe a humanidade é a diversidade cultural. E a reivindicación cultural leva aparellada a reivindicación dunha dignidade económica, social e política. Todo está ligado. É moi complicado facer unha defensa do teu, do propio, reducíndoo simplemente ao cultural. Alomenos se un pensa realmente en todo iso en serio, coa intención de que chegue a bo porto.
 
“Antes que músico son galego” ten dito.

R: Si, si, claro. E vólvoo dicir. Non é algo que un elixe nun catálogo, é algo que a un lle toca ser. Para min é algo obvio: á música adícase un por paixón, en calquera momento pode deixar de gustarche, pode aburrirte ou podes ter que deixala de lado por outras circunstancias; galego, por sorte ou por desgraza, érelo ata o último dos teus días. Lluís Llach dixo unha vez nun concerto no Teatro Rosalía de Castro da Coruña que el defendía a independencia de Cataluña non por unha teima persoal, senón porque para sentirse libre como persoa necesitaba tamén que o seu pobo fose libre. A min pásame algo parecido. Non exactamente, pero parecido. Porque non é que non me sinta libre, é que entendo esa identificación co pobo: digamos que para entender quen é Roi Casal necesito saber a onde pertenzo, de onde veño e con quen comparto iso. E despois está a música que fago: unha música moi relacionada co feito de ser galego. Se fixera jazz, ao mellor non tiña estos vínculos tan profundos. Pero non é o que fago.

 
Nando: "Hai moitos músicos novos aos que escoitas falar e parece que antes deles non había nada. Sopréndeme esa petulancia, esa soberbia "
 
Nando: "A miña música ten moito que ver co feito de quen son e de onde procedo. Se fixera jazz, ao mellor non tiña estes vínculos. Pero non é o que fago"

 

E que admiran o un do outro?
R: Uf, que complicada esa pregunta. Eu admiro do meu pai, máis que calquera outra cousa, a súa integridade, a súa honestidade e o compromiso co que el é, co seu país.
N: O meu pai era un músico fantástico, pero ademais era un artista total porque pintaba de marabilla e era moi ‘manitas’. Hoxe, cando vexo a Roi, vexo nel moitas cualidades do meu pai, cualidades que eu non tiven. Dánselle moi ben os traballos manuais, por exemplo. Dende que era pequeniño xa se lle daban moi ben esas cousas. E ten unha facilidade tremenda cos instrumentos musicais. Admiro moito esa capacidade súa de coller un instrumento e rapidamente facerse con el. A min asómbrame. E despois tamén admiro a súa ética, o seu compromiso, que son valores que na casa lle intentamos inculcar moito.
 
“Saír a pescar na ría da Arousa ou estar nunha praia tranquila” dixo que era a súa idea de felicidade.
R: Éa. Agora habería que engadir ao cativiño que veño de ter. E tamén moitos momentos que che regala a música. Non todos, porque cando xa es profesional todo se convirte nalgo máis complicado, rodéase dunha chea de cousas que lle acaban por facer perder algo de maxia. Pero si, esa tranquilidade, esas cousas pequeniñas que dicías, son as que eu relaciono directamente con ser feliz: o que se di ‘desconectar’, liberarse por un momento das preocupacións, gozar por gozar e xa está. E sempre, a natureza, sempre. E o silencio, tamén o silencio. Non escoitar ningún tipo de ruido.
 
E a felicidade do pai andaría tamén por aí? Parécense niso?
N: Qué va. Eu son máis de terra (ri). Cando un vai tendo unha idade, coma min, a súa felicidade pasa por saber que os fillos están ben. E pouco máis. Agora mesmo, xusto neste momento, para min, que coma todos os músicos fun moito tempo ave nocturna, é moi gratificante madrugar para levar á miña filla á escola, e ver nacer o día. Dáme unha felicidade tremenda. Canto tempo levaba eu sen gozar disto? Paréceme unha marabilla ver saír o sol cada día.
 

Comentarios