Consulte los perfiles de los técnicos

O TRUCO MÁIS DIFÍCIL DO HARRY POTTER DE CASTROFEITO

Seis anos de retiro foron demasiados para o cu máis inquedo da Primeira División. Por iso Fernando Vázquez (Castrofeito, 1954) non dubidou nin un instante cando a súa muller, a quen chamaron porque a el non o daban localizado, o avisou de que o Deportivo o estaba chamando insistentemente para ofrecerlle o posto que Paciencia deixaba en Riazor. A súa última experencia, paradoxalmente, fora no Celta, o seu rival de hoxe, no que viviu un trienio de vertixe, cun ascenso a Primeira, a clasificación para a UEFA e a destitución na terceira tempada que acabaría cos vigueses en Segunda. O Harry Potter de Castrofeito é agora a grande esperanza dunha afección branquiazul que aínda agarda que a melloría de sensacións desde a súa chegada, sobre todo na retagarda, se traduza en puntos. E é que desde que Vázquez chegou a Riazor, o Deportivo só suma un punto, contra o Rayo, pero tamén é certo que Sevilla, Real Madrid e Barcelona foron os outros rivais contra os que tivo que medirse ata o de agora. Por iso, quizais, aínda non puido volver a mostrar as súas célebres carreiriñas por banda que o fixeron famoso nunha España que percorreu en peregrinaxe de penitencia –viviu algúns descensos– desde As Palmas ata Oviedo, pasando por Mallorca ou Valladolid. Tamén adestrou a Rayo, Betis... En Galicia poucos equipos lle faltan por dirixir tras facer paradas en Lalín –onde se iniciou, levando o equipo de rexional a 2ªB–, Lugo, Ferrol e Compostela, onde tocou cima futbolística ao igual que en Vigo e A Coruña. Este licenciado en Filoloxía Xermánica, que foi profesor de inglés en Lalín e Arzúa, tamén adestrou a selección galega. Tras varios anos sen impartir cátedra, agora ten o exame máis difícil. Necesitará os seus mellores trucos.


UN TIPO DURO PARA UN TRABALLO DE MAIOR ESIXENCIA

O seu parecido con Tommy Lee Jones, un dos rostros máis duros de Hollywood, non parece ser casual. Esixente ao máximo, Abel Resino (Velada, 1960) trata de reconducir con man de ferro a nave de futbolistas sen alma na que se acabara convertendo o Celta de Paco Herrera. Tras unha primeira vitoria no debut ante o Granada, Sevilla e Real Madrid acalaron o intento de remontada dos vigueses. O toledano adiantou liñas de presión, pero por moito que o presidente Mouriño o presentase como un técnico dos que aman a posesión, o certo é que nas súas experiencias anteriores os seus equipos nunca destacaron polo fútbol preciosista. Con case toda unha vida no Atlético, onde foi porteiro, axudante da secretaría técnica e adestrador, o fútbol de contragolpe dos branquivermellos forma parte do seu credo. Tras pasar por Ciudad de Murcia, Levante e Castellón, a grande oportunidade chegoulle en 2009 cando sentou no banco do Calderón para clasificar os seus nunha Champions que na tempada seguinte foi a súa tumba, logo de non lograr gañar ningún partido. Despois de quedar ás portas de Primeira co Valladolid, Abel colleu as rendas dun Granada desafiuzado o ano pasado en substitución de Fabri González. Salvouno cun sprint final incrible ao que apelou Mouriño para xustificar a súa fichaxe. A chegada de Resino a Vigo non puido ser máis caótica, ao trascender á prensa antes de que a Herrera lle confirmasen a súa destitución e polo affaire Salva Ballesta, que viña como segundo seu e que nunca chegou a asinar porque o seu exacerbado patriotismo español non gustou á afección celeste. A mesma que agarda que, ante a esixencia do reto encomendado, Abel non acabe converténdose en Caín.

Comentarios