"Recuperamos as típicas cancións que se interpretaban nos bares"

Contacontos, música e premios para celebrar o Día das Letras Galegas

A Alameda Rosalía de Castro acollerá actividades para os máis pequenos o domingo e o martes. A entrega de premios do concurso de Narración Curta terá lugar o 17 de maio
Cantos de Taberna interpretados por Maravallada
photo_camera Cantos de Taberna interpretados por Maravallada

O Concello de Marín e diferentes asociacións culturais celebran o Día das Letras Galegas cunha ampla programación que inclúe contos, literatura e moita música. Así, na xornada do domingo terá lugar un concerto a cargo da Agrupación musical Ateneo Santa Cecilia, que comezará ás 12.30 horas na Alameda Rosalía de Castro. Pola tarde, ás 18.30, haberá unha sesión de contacontos a cargo de Tarabelos, que leva por título ‘Amoriños contei’. No caso de chuvia, a actividade trasladarase ao Multiusos.

O programa intensificarase o 17 de maio, no que as letras e a música serán protagonistas. Así, ás 12.00 horas, terá lugar na Alameda a entrega dos premios do XIV Concurso de Narración Curta de escolares e adultos. No acto leranse os traballos gañadores e ao finalizar actuará o cuarteto de gaitas Picuíña (no caso de mal tempo, a actividade trasladarase ao Museo Torres).

Pola tarde os contacontos volverán á Alameda con ‘Sabela e o paxaro máxico’, a cargo de Tarabela e unha hora máis tarde, na Finca de Briz celebrarase a segunda edición do Festival de Corais, no que actuarán Thalassa, San Xulián e a Coral do Centro Sociocomunitario.

Estas actividades súmanse aos Cantos de Taberna, organizados por Almuinha, e as actividades que desenvolven outras entidades, como o Ateneo Santa Cecilia e Queremos Galego Marín.

Comentarios