Contámosvos como cada ano no noso IES vivimos con ilusión o 17 de maio

No noso IES celebramos cada ano o Día das Letras Galegas. Un bonito recordo que gardamos é a participación no Correlingua, a volta á muralla e o concerto na praza de Santa María.

En 2010 tivemos connosco o fillo de Novoneyra e as ciencias e a lingua foron obxecto de reflexión coa presenza de profesores de matemáticas e Antón Castelo, ex profesor que impartía aulas de Física en galego.

Para nós, a celebración deste día sempre é algo agradable e vivímolo con ilusión. Este ano colaboramos co xornal LV. De luns a venres, escrito integramente en galego. ¡Cremos que tamén merecedes un premio!

Ademais, os alumnos de 1º da ESO iremos ao Correlingua e o EDLG elaborará un libriño sobre Paz Andrade. Por suposto, teremos o festival no que se entregarán os premios do VII Concurso Literario e ás mellores actuacións, así como o Premio á Institución Amiga, para o Museo Arqueolóxico de Vilalba. Tamén contaremos coa filóloga Mª Xosé Valcarcel, o profesor José Mª Castro e o xuiz Luís Villares.

Compartimos con vós fotos de varias actividades que fixemos con motivo do 17 de maio.

- CONCURSOS MUSICAIS
Maestres de Altair (na foto), Zinc So, Laura Iglesias ou Mirian son algúns dos grupos e solistas que amenizaron as galas que organizamos durante a semana das Letras Galegas. Este curso a gala estará aberta aos diferentes talentos do alumnado: danza, monólogos.




- REVISTA
A revista Tempus das Letras recolle as múltiples actividades da comunidade educativa, así como artigos con colaboracións ilustres como a de X.L. Novo Cazón ou Xurxo de Vivero. As fermosas portadas realizadas polo artista e profesor Anxo Rigueira imprímenlle personalidade.


- NADAL LITERARIO
Máis alá do 17 de maio, no noso instituto aproveitamos calquera ocasión para reivindicar a lingua e a literatura galegas. Como o pasado Nadal, onde nos agasallamos mestres e alumnos con poemas e flores de papel, unha actividade coa que gozamos como nunca.






- CHARLAS
 
No centro acollemos coloquios de temas variados, desde a lingua e
a ciencia con Antón Castelo, profesor de Física e Química,
ata o galego na Xustiza co maxistrado Luís Villares (na foto).



- PREMIO Á ENTIDADE AMIGA
Con este galardón recoñecemos cada ano polo Día das Letras Galegas o labor das entidades que promoven a nosa lingua e cultura. En 2010 foi para o Museo de Lugo (na foto).






- CERTAME

Xa imos polo VII concurso dedicado a homenaxear o autor ou autora das Letras Galegas. Sempre nos sorprenden con algún relato ou poema que publicamos na nosa revista, Tempus das Letras. Outros anos ata tivo cabida a banda deseñada.

Comentarios