As cooperativas

Non é de estrañar que boa parte da mocidade galega desexe un emprego de funcionario. Na empresa privada, cando hai postos de traballo, non se soe chegar a superar a condición de mileurista e de eventual, e obrígase a estar moitas máis horas das establecidas legalmente. Téñase en conta que os empregos bos que pode haber na empresa privada se reparten de xeito clientelar entre o pequeno e privilexiado círculo de familiares e amigos. O malo é que no sector público, coas políticas neoliberais  vixentes, o emprego se reduce, e sería imposíbel que houber para tantos opositores.

Levará tempo mudar o costume instalado na sociedade de buscar un futuro económico só como asalariado. Porén, isto vai ter que cambiar, porque se as condicións laborais dos asalariados seguen a se deterioriar ano tras ano, como parece que vai ocorrer, a un mozo ou moza galega non lle quedará outra que continuar emigrando a outras terras con mellores prestacións salariais e laborais ou optar por se converter na propia nun emprendedor. Esperar que veña a solución desde o ámbito político resulta moi pouco realista. Os partidos e sindicatos instaláronse no autismo dos seus intereses corporativos, sen políticas transformadoras para a maioría social, volcados nunha simple acción mediática. As condicións laborais agrávanse, mais a clase política segue permitindo ou contribuíndo ao enriquecemento abusivo da banca e dos grandes empresarios, con tal de vivir na comodidade institucional. O pensamento único neoliberal deixa a economía e o emprego só nas mans dun sector privado avarento. Mesmo os partidos de esquerda tradicional privatizan os seus servizos para reducir custos e financiar as súas actividades, contribuíndo a reducir o sector público e a precarizar os salarios e os empregos dos seus servizos.

Desde os anos sesenta houbo unha emigración interior do campo á cidade, para laborar na industria ou nos servizos. Foron anos de bonanza e de desenvolvemento, mais a situación variou. Coa crise e o desemprego, cóntase a miúdo con maior cualidade de vida e mellor economía nalgúns núcleos do rural que en moitos bairros populares das cidades. A industria deslocalízase para o Terceiro Mundo. O sector servizos está saturado e as grandes superficies comerciais, en mans de empresas foráneas, arruinan o pequeno comercio, contribuíndo á fuxida dos nosos recursos.

O emprendemento en forma de cooperativas permitiría a constitución dunha economía a pequena escala máis social e menos destrutora do medioambiente. Sectores como o primario, diminuíndo a intermediación, producindo alimentos e transformando produtos ecolóxicos e de alto valor engadido, poden ser unha saída, agora que perdimos a nosa autosuficiencia alimentar. Como tamén o artesanato. A extensión da cultura de traballo cooperativo e comunitario na sociedade é cada vez máis necesaria. Israel, cos seus 'kibutzs', ou Euskadi, coas cooperativas de Mondragón, son exemplos de que o emprendemento e o traballo cooperativo van unidos ao progreso económico e ao benestar social. O camiño exitoso de cooperativas galegas como Feiraco, Coren, Caixa Rural Galega, Deleite de Outeiro de Rei, alegra e fai pensar na necesidade de que se cren máis, para dinamizar economía e sociedade, tamén en eidos virxes como o escolar, con galescolas para o ensino en galego.

Comentarios