viernes. 03.04.2020 |
El tiempo
viernes. 03.04.2020
El tiempo

Corcoesto, ¿sí o no?

Curiosamente, a paralización do proxecto de Corcoesto por parte da Xunta, hai uns días, foi celebrada tanto polos partidarios da mina de ouro a ceo aberto e criticada polos detractores. Os primeiros ven “un paso necesario” o freo posto agora polo Executivo galego para que Edgewater, a través da súa filial Mineira de Corcoesto, acade os requisitos económicos; os segundos piden que sexa definitiva e cren que todo se trata dun “paripé” acordado polo Goberno e a multinacional. De feito, lamentan que a paralización non supuxera a retirada da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) coa que conta o proxecto.
 
Mesmo a Consellería de Economía e Industria xa dixo que se a firma cumpría as novas esixencias técnicas e económicas (“multiplicadas por 60”), a tramitación seguiría adiante. Pero, ¿cales son esas condicións? En primeiro lugar, a empresa debe acreditar un mínimo de solvencia do 25% do investimento cos fondos propios; é dicir, arredor de 27 millóns. En segundo lugar, a oposición, tanto o capital social de Mineira de Corcoesto como o de Edgewater, de 868.000 euros e 25,5 millóns, respectivamente, son inferiores a esa cifra, polo que ven difícil que o reúnan. Para o 75% restante deberá contar con avais.
 
No entanto, a empresa amosouse “satisfeita” tras as súas últimas reunións coa Xunta porque os requisitos son só técnicos e  económicos –confía en logralos en breve– e non ambientais. “Isto demostra a viabilidade ambiental do proxecto”, asegurou a multinacional, que desde finais de 2012 conta coa DIA. 
 
Este é, precisamente, o cabalo de batalla dos detractores, que piden que se anule este estudo da Xunta, no que ven “falta de rigor”. A plataforma en defensa de Corcoesto ampáranse nos informes da Sociedade Galega de Historia Natural e de científicos da USC e a Universidade de Vigo, que alertan de que o cianuro empregado para solubilizar o ouro tamén solubilizará o arsénico das rochas, provocando a contaminación dos ríos e das terras e a perda de traballo de moitos veciños que se adican ao sector agrario. Ademais, aseguran que non poderían facer fronte aos custos dun accidente grave.
 
De momento, o intenso debate parlamentario está parado á espera de noticias. O PPdeG defende a “aposta por un desenvolvemento sostible” dun sector, o da minería, que emprega máis de 7.000 persoas en Galicia e supón “un 1,2% do PIB”. Mentres, PSdeG, BNG e EU reclaman a paralización e esixen máis garantías medioambientais. Outra fronte aberta podería estar cerca de pecharse: a peritaxe que o Valedor do Pobo encargou á Universidade de Santiago de Compostela (USC) a principios de xuño para ditaminar sobre o proxecto. Con el concluirá a súa investigación e fará unha valoración do impacto, tras as queixas recibidas. 

? En contra

SERAFÍN GONZÁLEZ (Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural)

AGN S.F.

P ¿Será suficiente a presión social para frear Corcoesto?

R A Administración debera ser sensible a esta demanda, que non é contra o sector, senón contra as megaminas contaminantes a ceo aberto como a de Corcoesto, que busca ouro e prata para satisfacer a cobiza de especuladores e emprega enormes cantidades de produtos químicos como o cianuro en lugares nos a concentración de arsénico é moi elevada, co que unha vez trituradas as rochas aumenta a súa solubilidade e, por tanto, o risco sanitario, económico e ecolóxico.

P ¿Que opina do borrador de plan sectorial da Xunta?

R A impresión é mala. O máis preocupante é que poden ser autorizables as actividades mineiras en todas as categorías de chan rústico. Isto fai que tres dos seis parques naturais que ten Galicia estean ameazados polas explotacións mineiras.


?A favor

DIEGO LÓPEZ (Director da camára oficial de minería de galicia)

AGN S.F.

P ¿Estase relaxando a protección ambiental para reactivar a economía a calquera prezo?

R Non. A lexislación europea e española é tremendamente garantista. Non se abrirá ningunha explotación quen non cumpra uns requisitos mínimos e a Administración fai un control exhaustivo.

P ¿É factible explotar reservas da biosfera sen afectación?

R Si. A minería xera un impacto temporal, principalmente paisaxístico, pero hai técnicas que o minimizan e fan que a actividade sexa compatible co medio, incluso en hábitats especialmente protexidos. Ata a lexislación europea contempla actividades extractivas non enerxéticas adaptadas a requisitos da Rede Natura 2000.

P Para separar ouro emprégase cianuro. ¿Existen riscos para as persoas e a natureza?

R Se se fan as cousas ben, non debería habelos.

 

Corcoesto, ¿sí o no?
Comentarios