Corenta e unha pancadas

O xabre dá mal correr dirán algúns. Os máis ficarán abraiados, inmóbiles ante unha xesta case sobrehumana. É inevitable que tentemos emular a Usain Bolt na area da praia. Ben sexa na Frouxeira, na Lanzada ou en Carnota, uns e outros soñaremos con corenta e unha pancadas que espeten 9,58 segundos de gloria.

Porque cada día é un Mundial de Atletismo de Berlín en que procuramos unha marca que nos supere a nós mesmos. Que nos permita atravesar a estratosfera dos propios límites para rabuñar o horizonte dese pracer efémero que dura un universo na memoria. Pero, ás veces, cando soñamos ser Usain Bolt esquecemos a Óscar Pérez.

Non reparamos en que, no canto das dunas, dos pilros e do resto dos bañistas que esquivan o resol na area podemos escoitar, nada máis, o escachar do xeo e o bruar do vento nunha repisa a 6.300 metros de altura no Latok II do Paquistán.

Alí, suspendidos xa os labores de rescate, fica a esperanza machucada polo xeo dun deportista que soñou un cumio e alcanzou a eternidade. Por iso, co sabor doce da carreira de Usain Bolt entre os dentes, é inevitable a punzada da soidade dolorosa de Óscar Pérez. E saber que corenta e unha pancadas non lograrán atravesar nunca a crueza do mundo para ese rescate que non puido ser.

Comentarios