Corpos

O seu corpo xorde baixo o sol por obra e graza dun director de arte e dese deus da beleza chamado photoshop nun anuncio da tele. As súas curvas trázanse vertixinosamente perfectas sobre un lenzo paradisiaco de areas brancas polo que se desliza coma unha gatiña. A pel dourada polo sol e envolta nunha esvaradiza capa de aceite. Ela coquetea coa cámara. Sentada na area, bota a cabeza para atrás, ceiba a melena, estende o brazo e achega algo á boca. Logo funde os beizos nunha hamburguesa para saciar o seu desexo ou espertar o de quen mira para ela. Ata aí o anuncio. A web BuzzFeed propón un experimento curioso. Muda a figura desa muller elevada ó ceo das divindades pola dun home de corpo atlético, case nú que, emulando os movementos dela, procura, en van, o mesmo efecto. Sentado na area, arquea a espalda, leva ó bocata a boca e abre ben os ollos ó mordelo... pero resulta máis ridículo que sensual. Noutros anuncios o resultado é semellante. Elas seducen. No mesmo papel eles provocan riso. Din que isto acontece porque temos interiorizado o uso sexista do corpo da muller na publicidade. A ver se ó final vai ter razón aquel profesor que cre que levamos o sexismo gravado nos xenes e a igualdade é cuestión de evolución. Eu prefiro pensar que a educación ten algo que ver tamén na forma na que hoxe vemos a cosificación dos corpos, delas e deles.

Comentarios