Cotobade abre un novo prazo de matrícula na escola infantil de Tenorio

O centro contará cunha cuarta unidade, xa que hai confirmada a inscrición de catro novos alumnos neste mes
Instalacións da escola infantil A Galiña Azul de Tenorio
photo_camera Instalacións da escola infantil A Galiña Azul de Tenorio

O Consorcio Galego de Igualdade e Benestar da Xunta acaba de aprobar a creación da cuarta unidade da Escola Infantil de Tenorio, o que permitirá seguir co seu forte crecemento e superar a última marca de inscritos no actual curso académico, ao abrir un prazo extraordinario de matrícula que estará activo no presente mes de setembro. Deste xeito, A Galiña Azul cotobadesa, que en xuño acadou os 37 cativos matriculados para o curso 2016-2017, marcando o seu récord de alumnado, alcanzará alomenos os 41 usuarios, xa que xa teñen confirmada a súa inscrición outros catro nenos máis.

Para dar resposta a esta situación, o consorcio, dirixido por Perfecto Rodríguez, acometeu un reagrupamento dos cativos que xa asisten ao recinto e procederá de inmediato a dotar a cuarta unidade. O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción por conseguir dotar o centro coa cuarta unidade da gardería por vez primeira dende a súa apertura. "Cotobade é un lugar en crecemento e con futuro que cada vez ten máis cativos e no que os servizos públicos, como sempre dixemos, estanse a reforzar para atender a todos os nosos veciños".

O rexedor local explicou que grazas a esta medida "non haberá lista de agarda e todos os cativos que o soliciten contarán con praza pública, xa que a cuarta unidade permitirá asumir e atender toda a demanda existente". Cubela quixo personificar o seu agradecemento na figura do ex-alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, "que sempre tivo a ben atender as demandas razoables que lle formulamos dende Cotobade". O rexedor de Cotobade, que onte visitou a escola, engadiu que este verán se acometeron tarefas de mantemento no centro infantil valoradas en 12.000 euros.

Comentarios