Cousas rechamantes nos Orzamentos da Xunta para 2013

Sigo lendo o proxecto de orzamento da Xunta e vou anotando cousas rechamantes. Nesta columna vou referirme a catro que aparecen na lei.

A primeira, refírese a creación da axencia tributaria galega. De entrada paréceme unha moi boa idea, porque unha estrutura de axencia pode dar un plus non desprezable á hora de organizar con flexibilidade e eficiencia os recursos humanos. O problema é que se esa axencia vai por libre e se limita só o que hoxe xestiona directamente a Dirección Xeral de Tributos, as ganancias potenciais limítanse moito. Falamos do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITPAXD), do Imposto sobre Sucesións e Doazóns (ISD)… e pouco máis. Deixamos fora IRPF, Sociedades, IVE, impostos especiais, ou sobre o patrimonio, todos eles xestionados pola Axencia Tributaria do Estado (AEAT). Por iso parece un chisco exaxerado pretender que a nova axencia tributaria galega vaia: “compensar as importantes bolsas de fraude fiscal e economía mergullada existentes no noso país que están a afectar de forma importante á capacidade de prestación de servizos públicos das administración”. Temo que esas grandes bolsas están nos tributos xestionados pola AEAT.

A segunda, o fondo de crecemento. Anunciado como un plan de estímulo da economía galego, só fun quen de atopalo tres veces nos volumes do orzamento, o que dá unha idea da súa relevancia práctica e expositiva menor. A conclusión que tiro é que non é nada realmente novo. Que é unha etiqueta baixo a cal métense programas xa vivos. Quizais a Xunta debera reconsiderar o programa e darlle na realidade e no papel a relevancia que merece.

A terceira, os beneficios fiscais. Nun exercicio de transparencia a gabar, a Xunta cuantifica a cifra á que ascenden os beneficios fiscais autonómicos aos contribuíntes galegos no ano 2013 en concepto de IRPF, ITPAXD e ISD: 134.548,742 euros, aproximadamente o mesmo que o que se vai reducir o déficit pola eliminación parcial das pagas extras aos empregados públicos. É verdade que non é factible, coas ferramentas tributarias hoxe dispoñibles, recadar 2.000 ou 3.000 millóns máis. Quen diga o contrario, fai demagoxia. Pero non hai dificultade se se queren 200 ou 300 millóns, se se quixese manter o gasto do ano 2012. A pouco que se recortasen beneficios fiscais e subindo moderadamente tipos impositivos, sería posible.
A cuarta: a eliminación parcial das pagas extra non é transitoria para 2013. A Lei advirte que ata que volte acadarse o nivel de recursos ingresos de 2008/2009 vaise manter a medida. A redacción é imprecisa, pero podemos estar falando de 2018 ou 2019, alomenos. Quizais a Xunta deberá clarexar isto ou suprimilo do texto na súa tramitación parlamentaria.

Comentarios