Crise política

A política e máis a economía áchanse interconectadas desde sempre. E non só porque as decisións da macroeconomía sexan políticas ou porque, como se evidencie de maneira cada vez máis dramática, os posicionamentos políticos se tomen por influencia e para beneficio exclusivo dos grandes poderes económicos. Tamén a política e a economía se relacionan cando a falta de alternativas e de obxectivos globais para mellorar a situación dun país e o benestar dos seus habitantes, e a pesada lousa dunha situación económica grave e crónica, levan a que se produzan os cambios oportunos no seu sistema político e nos partidos que o sustentan.

E esta lóxica correspondencia non parece que se dese até agora no Estado español. Os dous grandes partidos españois seguen sen se enterar da inviabilidade do sistema político-económico actual en termos de benestar económico e social para as maiorías, desenvolvemento democrático e sustentabilidade medioambiental, ofrecendo os discursos habituais baleiros, desinformativos e continuistas, sen se querer enterar da gravidade da crise económica presente nin do sufrimento familiar e persoal de amplísimos sectores da poboación.
   
O normal sería que á vez da crise económica xeralizada se producise unha crise política ao mesmo nivel, que fixese cambiar o sistema e o panorama das organizacións políticas. Se non houbo mudanzas foi porque a clase que controla o sistema partidista confía que o adormecemento, a confusión e o esfarelamento da sociedade civil seguirán posibilitando calquera tipo de axuste, por moi duro que sexa, e os cidadáns e cidadás se manterán resignados e obedientes.

Desde a fin da ditadura franquista a organización política máis determinante no conxunto do Estado español foi o PSOE, e non só por ser a que estivo máis anos no goberno central. Xa con Felipe González, político moi relacionado coa oligarquía financeira, comezou o proceso neoliberal na economía e nos temas laborais. González meteunos no atlantismo e por medio dunha deficiente negociación, na que saíron prexudicados sectores económicos fundamentais, na UE. Baixo a súa batuta deixou de ser partido de esquerda para converterse nun partido centrista partidario da Terceira Vía. Á vez deseñou unha estratexia exitosa para acabar coa esquerda do Estado, ninguneándoa, engulíndoa e reciclándoa no constitucionalismo máis inmobilista e no pensamento único.

A estas alturas, logo do escaso avance do estado de benestar e das limitacións ás necesarias reformas constitucionais, á federalización do Estado e ao desenvolvemento dunha democracia participativa,  e partíndo da base de que o PSOE ocupa a posición medular de todo o sistema político, pódese afirmar que unha crise política e electoral no PSOE sería moi positiva para o conxunto do Estado. Posibilitaría a aparición de organizacións políticas de esquerda auténtica para mellorar as condicións políticas e económicas vixentes ou o desenvolvemento no interior dese partido dunha corrente que asumise prácticas coherentes coas súas siglas e que o fixese cambiar. Sen unha crise do PSOE, malia o avance que significaría puntualmente para este PP conservador e dereitista, non existiría opción futura de avance político democrático e social.

Comentarios