Cuba e o xesto de Obama

Un proxecto de lei aprobado recentemente polo Senado de EEUU suaviza as restricións á exportación de alimentos e fármacos a Cuba e permite aos cubanos residentes en EEUU viaxar unha vez ao ano á illa caribeña.

Este relaxamento das restricións impulsado por Obama, equiparable en certo sentido ás medidas liberalizadoras introducidas hai meses por Raúl Castro, é un primeiro signo, en moitos anos, dun cambio de tendencia na política estadounidense cara Cuba despois de que en 1961, tralo fracaso da invasión da Baía de Cochinos, Kennedy e os presidentes que lle sucederon, todo fixeron por derrubar o réxime de Castro dando unha e mil voltas de rosca a un embargo que proporcionou a Fidel un sólido argumento para enrocarse e blindar calquer posibilidade de evolución política.

Entre as razóns de Obama, movidas inicialmente por un loable pragmatismo, cómpre ter en conta dúas importantes. A primeira, a necesidade de mellorar a imaxe internacional de EEUU. A distensión con Cuba, que agarda novos xestos da illa, vaille permitir recuperar e fortalecer a súa influencia na rexión.

Sería un contrasentido que Washington abrira negociacións con Irán, con Hamás, con Pyongyang e ata cos talibáns moderados, e persistira en non facer xesto algún de apertura cara La Habana, especialmente nun momento en que o veciño do Norte non goza de moita popularidade na zona, axitada por líderes como Chávez e con poucos gobernos afíns. Por outra banda, cómpre significar o importante esforzo diplomático realizado por Raúl Castro nos últimos meses, sumando apoios contra o embargo en América Latina, abrindo as portas do diálogo coa UE e ata posibilitando o retorno de Rusia ao Caribe.

A perspectiva estratéxica impón os seus correctivos, pero tamén a económica, xa que son moitas as empresas estadounidenses que agardan impacientes a oportunidade de desembarcar na illa para aproveitar unhas oportunidades que agora, en tempos de crise, adquiren un maior valor.

Obama vai participar no quinto Cumio das Américas que se reunirá, sen Cuba, na illa de Trinidade a mediados de abril. Será o primeiro presidente estadounidense en asistir. E unha mostra de respecto que pode abrir outras posibilidades de relación. Ao Sur do rio Grande xa non se conforman con menos.

Comentarios