Cultura celebra o Día da Poesía con tres recitais do grupo Oriol na Coruña, Pontevedra e Vigo

A Consellaría de Cultura e Deporte celebra o Día da Poesía, que se conmemora o 21 de marzo, coa realización de tres recitais poético- musicais dentro das bibliotecas xestionadas pola Consellaría. Serán a cargo do grupo Ouriol e desenvolveranse na Coruña, Pontevedra e Vigo entre o 20 e o 24 de marzo.

O Día da Poesía é unha das datas sinaladas no calendario das letras, que recolle os principais eventos anuais relacionados coas letras galegas. Para celebralo, o grupo Ouriol ofrece tres presentacións do seu espectáculo 'De amor e morte'. O grupo Ouriol está composto pola poeta Eva Veiga e os músicos Fito Ares e Bernardo Martínez. A entrada a todos os recitais será de balde.

Do amor e da morte

'De amor e morte' é un espectáculo poético-musical arredor da poesía galega, desde a lírica medieval á actualidade. Amor e morte son dous conceptos recorrentes na historia da poesía universal na que se insire a poesía galega. Desde a sobranceira lírica medieval, o idioma galego irase renovando como unha alta e profunda árbore poética de esplendorosos froitos, que nutren e identifican a nosa cultura.

Os autores seleccionados conforman unha excelente nómina que abrangue o período que vai do medievo ata a poesía máis contemporánea: Fernando Esquío, Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Uxío Novoneyra, Alvaro Cunqueiro, Luis Pimentel, Xohana Torres, Neira Vilas, Manuel María, Luz Pozo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Díaz Castro, Celso Emilio Ferreiro, Avilés de Taramancos, Alvarez Torneiro, Pilar Pallarés, Chus Pato, Ana Romaní...

Comentarios