Cultura e Educación celebra o Día Internacional dos Arquivos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove diversas iniciativas en toda Galicia para conmemorar o Día Internacional dos Arquivos, que se celebra hoxe, 9 de xuño. Con este motivo, os arquivos xestionados pola Secretaría Xeral de Cultura organizan diversas actividades ao longo da xornada coas que convidar a cidadanía a participar nesta celebración, coa fin de destacar a importancia estratéxica dos arquivos e dos profesionais que os atenden para avanzar na eficiencia e na transparencia das administracións públicas, así como para a conservación do patrimonio cultural.

Ademais da xornada de portas abertas e visitas guiadas en todos os arquivos da Consellería, a programación do 9 de xuño inclúe diversas propostas para se achegar aos arquivos. No Arquivo de Galicia, situado na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentarán ás 11 horas a exposición ‘O Arquivo de Galicia, o noso Patrimonio’, cunha mostra dos documentos que nel se custodian e que ten como obxectivo destacar a importancia dos arquivos e darlle a coñecer á cidadanía as principais funcións que teñen encomendadas.

Tamén na provincia da Coruña, na cidade herculina, o Arquivo do Reino de Galicia (ARG) programará unha semana de actividades, do 9 ao 13 de xuño, con diversos obradoiros dirixidos a toda a cidadanía en horario de mañá. Concretamente, o ARG organiza tres talleres, para os que cómpre inscribirse previamente: un taller de deseño de papel de augas, un taller básico de encadernación xaponesa e un taller de formación de investigadores centrado na interpretación de documentos antigos.

Mostra documental
O padre Feijoo, do que este ano se conmemoran os 250 anos do seu pasamento, centrará a celebración no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, onde se exhibirá unha mostra con algúns documentos que se custodian no arquivo relacionados coa figura deste persoeiro. A exposición completarase cunha conferencia a cargo do director do arquivo, Pablo Sánchez Ferro, centrada no padre Feijoo.

O Arquivo Histórico Provincial de Lugo (AHPL) tamén acollerá o día 9 a inauguración da exposición itinerante ‘Patrimonio documentado: a protección e intervención nos bens culturais a través dos documentos dos arquivos’, ás 19:00 horas. Ademais, presentará un pergameo co que se inicia a serie de documentos singularesno AHPL.

O encargado de abrir esta celebración arredor do Día Internacional dos Arquivos foi o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, o venres 6 de xuño. Fíxoo cunha conferencia de Gregorio Casado sobre os preitos nos montes en Galicia, nunha xornada que se completou coa actuación musical a cargo dos grupos Música Antiga e Ultreia. Ademais, os que se acheguen o día 9 de xuño ao arquivo terán ocasión de visitar unha mostra na que se amosa a
rica documentación que se custodia no arquivo sobre os montes na provincia de Pontevedra, entre os séculos XVIII e XX.

Patrimonio cultural

Os traballos desenvolvidos nos arquivos son escasamente coñecidos polo común da sociedade, se ben se trata dun labor fundamental para a preservación do patrimonio cultural. Nos arquivos reúnense os documentos que as institucións e entidades públicas e privadas
producen no desenvolvemento das súas funcións e actividades (normas, procedementos, actos etc.), conformando o patrimonio documental. Benefícianse a diario desa organización a propia Administración, a comunidade académica e investigadores especializados, e tamén calquera cidadán que precisa datos sobre os seus dereitos.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xestiona de maneira directa algúns dos principais arquivos galegos e establece liñas de actuación e soporte para os centros arquivísticos integrados no Sistema de Arquivos de Galicia, coa fin de velar pola súa conservación e garantir o acceso de todos a esa documentación.

Visitas guiadas

As propostas para celebrar o Día Internacional dos Arquivos complétanse coas xornadas de portas abertas e visitas guiadas no Arquivo Central da Consellería de Cultura e Educación, en Santiago de Compostela (de 9 a 14 horas). Os interesados, tanto os usuarios como a cidadanía en xeral, deberán poñerse en contacto previamente co arquivo  no teléfono 981 957573 ou a través do enderezo [email protected].

No Arquivo Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, as visitas guiadas dirixidas aos empregados públicos como usuarios deste centro serán ás 10 e 12 horas. O teléfono
de confirmación previa é o 982 294 240. No Arquivo Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra e en Vigo serán ao longo de toda a mañá e os interesados poden contactar
nos teléfonos 886 206 627 e 986 817 799, respectivamente.

Máis información sobre as actividades do Día Internacional dos Arquivos en http://arquivosdegalicia.xunta.es.

Comentarios